Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 febrero, 2026
O líder do PP en Santiago, Borja Verea, denunciou hoxe a “hipocrisía” do goberno municipal de BNG e Compostela Aberta pola súa falta de resposta ás peticións de axuda do Banco de Alimentos de Santiago, unha entidade que presta apoio a máis de 1.000 familias da cidade a través de distintas organizacións sociais.
“Visitamos o Banco de Alimentos de Santiago para denunciar unha hipocrisía: a do goberno do BNG, a de Compostela Aberta e a da alcaldesa, Goretti Sanmartín, que non están atendendo as chamadas de socorro e de auxilio que está facendo esta entidade”, afirmou Verea.
O líder popular alertou de que o Banco de Alimentos atravesa “unha situación crítica” que non está a ser atendida polo Concello de Santiago, malia o labor esencial que realizan os seus voluntarios para garantir alimentos ás familias máis necesitadas. “É incomprensible que o goberno municipal lle dea as costas a unha entidade que sostén unha parte fundamental da rede social da cidade”, subliñou.
Neste sentido, Borja Verea comparou o apoio económico que reciben os bancos de alimentos noutras cidades galegas co trato que se lles dá en Santiago. “Na Coruña, o Concello achega 50.000 euros ao Banco de Alimentos; en Ferrol, a axuda municipal ascende a 30.000 euros. En Santiago, pola contra, a achega non chega nin aos 5.000 euros”, denunciou.
Para o tamén deputado autonómico, esta situación agrávase pola actitude da alcaldesa. “Nin sequera tivo a decencia de reunirse, de atender ou de mirar cara a cara aos voluntarios que están dedicando o seu tempo a axudar ás familias que máis o necesitan na nosa cidade”, lamentou.
Verea reclamou ao goberno local que abandone “a propaganda e os discursos baleiros” e actúe con responsabilidade, incrementando de maneira inmediata o apoio ao Banco de Alimentos de Santiago. “Aquí non falamos de ideoloxía, falamos de persoas e de familias que precisan axuda xa”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)