Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 marzo, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, valorou hoxe o pleno municipal no que os orzamentos do goberno local non saíron adiante ao non contar co apoio dos seus propios socios, evidenciando, ao seu xuízo, “un novo episodio do tripartito dos líos que leva meses bloqueando a cidade”.
Verea foi contundente ao cualificar as contas presentadas polo executivo local: “estamos ante un proxecto de orzamentos que chega a este pleno completamente suspenso, un suspenso político e tamén un suspenso en xestión”. O popular subliñou que a incapacidade do BNG e Compostela Aberta para acadar o respaldo do PSOE deixa claro que “nin os propios socios da alcaldesa cren no seu proxecto”.
O dirixente popular explicou que o seu grupo non podía apoiar unhas contas que “nin responden ás necesidades da cidade nin reflicten o noso modelo de Santiago”, e insistiu en que o PP representa “unha alternativa real de goberno fronte a este espectáculo permanente de enfrontamentos internos”. “Non imos participar deste tripartito dos líos; queremos facer as cousas doutro xeito e mellor”, afirmou.
Durante a súa intervención, Verea contrapuxo o modelo do actual goberno co que aplicaría o Partido Popular. Así, avanzou que o primeiro orzamento dun executivo liderado polo PP incluiría medidas como a apertura do Parque de Belvís co derrubo da Casa da Xuventude, a retirada dos radares do túnel de Conxo para reducir a presión fiscal, a posta en marcha dun banco público de vivenda en aluguer con incentivos fiscais e axudas á compra, así como a redacción dun novo PXOM que facilite a construción e rehabilitación.
Tamén apostou por reforzar os servizos e equipamentos públicos coa construción dunha piscina olímpica en Santa Marta con pavillón multideporte, a creación dunha cidade do fútbol en San Lázaro, a implantación dunha rede de conciliación con madrugadores, comedores e actividades extraescolares, e un modelo de cociñas propias nas escolas fronte ao sistema de cátering centralizado. A estas medidas sumou a creación de parques infantís cubertos, un plan específico para dignificar o rural, novos aparcadoiros en puntos clave como o Campus Sur e Belvís, así como a instalación de cámaras de videovixilancia e o reforzo da Policía Local.
No ámbito do mantemento urbano, Verea defendeu un plan intensivo de mellora de viarios e beirarrúas, unha intervención integral no Refuxio de Bando e un plan de choque para a limpeza da cidade, denunciando que “Santiago está máis sucio, máis inseguro e máis abandonado que nunca”.
O líder popular criticou tamén que os orzamentos presentados sexan “os que máis impostos e multas recollen e, ao mesmo tempo, os que menos investimento contemplan”, cualificando esta situación de “misterio” e advertindo de que “se está a asaltar o peto dos santiagueses mentres se reducen ao mínimo as actuacións necesarias para a cidade”.
Ademais, fixo referencia ás advertencias dos servizos técnicos municipais, que, segundo indicou, cualifican as previsións de ingresos como “irrealistas”, chegando a definilas como “de fantasía”, o que, ao seu xuízo, “xera unha enorme preocupación sobre a viabilidade real destas contas”.
Verea responsabilizou directamente ao BNG, CA e PSOE da situación actual da cidade, asegurando que “son os tres culpables da decadencia acelerada de Santiago”, e enumerou problemas como o aumento da criminalidade, o deterioro da limpeza, a crise da vivenda, o estado dos viarios, a caída do turismo ou a elevada morosidade municipal.
Por último, o líder popular cuestionou a coherencia do PSOE, que sustentou a investidura da alcaldesa, ao tempo que advertiu de que, no caso de vincular os orzamentos a unha cuestión de confianza, “abriríase unha oportunidade real para cambiar o goberno da cidade en 30 días”. “Se non van aproveitar esa oportunidade, por que non votan vostedes xa estes orzamentos e deixan o teatro? Expliquen aos cidadáns por que manteñen este modelo esgotado”, sinalou.
“Quedou claro neste pleno que hai dous modelos: o do lío permanente do tripartito e o da alternativa de goberno que representa o Partido Popular. Nós temos un proxecto claro e imos seguir traballando para gobernar Santiago e facer as cousas mellor”, concluíu Verea.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)