Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 julio, 2024
03/07/2024 O concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, compareceu hoxe xunto co xefe de servizo de Proxectos e Obras, Antonio Ranedo, e o director facultativo da obra de reurbanización da rúa do Pombal, Pablo Blanco, para dar conta da primeira semana dos traballos. Este mércores, con preaviso, procedeuse a un corte de auga para executar un enganche de abastecemento co obxecto de garantir a subministración durante a duración dos traballos. O corte programouse dentro do tramo horario con menor afección para o conxunto da veciñanza e establecementos, evitando os ruídos e molestias que podería causar a execución destes traballos en horario nocturno, o que perturbaría o descanso de persoas residentes e clientes de hoteis e pensións.
Na rolda de prensa, o concelleiro lembrou que, na liña do aprobado polo Pleno o pasado xoves, hoxe mesmo se deu conta dos avances das obras, que buscan mellorar a «calidade de vida da xente» e, particularmente, a accesibilidade universal para persoas en cadeiras de rodas, con mobilidade reducida, ou carriños de bebés, nunha zona próxima a escolas infantís.
Pola súa banda, o xefe de servizo de Proxectos e Obras, Antonio Ranedo, explicou que os traballos de reurbanización do Pombal que comezaron hai unha semana, supoñen unha renovación integral da rúa. Dentro destes traballos, renovaranse as instalacións de abastecemento e sanemento, anulando as de existentes de fibrocemento.
Tamén se vai instalar unha rede separativa de saneamento, en substitución da actual rede unitaria. Tamén está prevista a renovación da rede de telecomunicacións, alumeado, tráfico e a execución de novas acometidas da rede de gas. Estas novas instalacións urbanas deben ser executadas en coordinación coas que xa existen e están dando servizo á veciñanza.
Unha vez rematadas todas as canalizacións, procederase coa pavimentación, prescrita no proxecto como unha plataforma única, con pavimentos de pedra nos itinerarios peonís e de formigón no vial para tráfico rodado.
Pola súa banda, o director da Obra deu detalles das razóns polas que se executou o peche da rúa ao completo. As limitación de espazo no ámbito condicionan os movementos internos da propia obra. «Parece un pouco irresponsable deixar pasar vehículos de maneira continua», explicou Pablo Blanco.
NOTICIA RELACIONADA:
Los vecinos de O Pombal protestan por los ocho meses de obras
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)