AD

Destacado

Vivenda, benestar e acompañamento: a visión de López Couso para o estudantado

today9 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

A candidata a reitora defende un proxecto colectivo construído “entre moita xente”, reivindica o papel estratéxico do campus de Lugo e avoga por garantir o relevo xeracional do profesorado

A catedrática de Filoloxía Inglesa María José López Couso, candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, pasou polos micrófonos para debullar as liñas mestras do seu proxecto de goberno, unha proposta que define como colectiva, participativa e centrada no benestar da comunidade universitaria. Cunha longa traxectoria na xestión —foi decana da Facultade de Filoloxía e vicerreitora en dúas etapas—, López Couso aspira a converterse na primeira muller en gobernar a USC nos seus máis de 530 anos de historia.

A candidata recoñeceu que a campaña está a ser “moi intensa”, cun calendario axustado que obriga a “comezar ás oito da mañá e non parar ata ben entrada a noite”, pero destacou a importancia de chegar a todos os centros, servizos e colectivos. “Queremos falar e escoitar a todo o mundo, e iso, en moi pouco tempo, fai que sexa unha campaña moi esixente”, sinalou.

Un fito histórico sen cotas nin simbolismos baleiros

López Couso asumiu con naturalidade o feito de poder ser a primeira reitora da USC, afastándose de lecturas simbólicas excesivas: “Non é unha cuestión de cotas nin de cupos. É unha cuestión de capacidade e de méritos. Simplemente reflicte o que é hoxe a universidade e o que é a sociedade”. Ao seu xuízo, este paso debe entenderse como algo normalizado: “Dentro duns anos non será noticia; será a decimocuarta persoa que goberne a USC”.

Sobre as razóns que a levaron a dar o paso, apelou ao “sentido de responsabilidade institucional” e ao coñecemento profundo da universidade: “Levamos case dezaoito anos ocupando distintos cargos de xestión, e iso permítenos identificar con claridade o que funciona ben —porque temos unha universidade excelente— e tamén onde hai problemas e oportunidades de mellora”.

Unha universidade excelente… con marxe para avanzar

Na súa análise do momento actual da USC, López Couso definiuna como “unha universidade de primeira” tanto en docencia como en investigación, transferencia e divulgación. Con todo, avogou por dar un paso máis no compromiso social: “Como universidade pública, debémonos á sociedade. Temos que movernos un pouco desa zona de confort e reforzar a relación coa cidadanía”.

O seu proxecto, insistiu, non é persoal nin dun equipo reducido: “Non é o proxecto dunha persoa nin só dun equipo de goberno. É un proxecto no que levamos meses traballando persoas moi diversas, dos campus de Santiago e Lugo, de distintos ámbitos de coñecemento e de todos os colectivos da comunidade universitaria”. Un traballo colectivo que se resume no lema da candidatura, Ti es esa peza que falta, que cualificou como unha das primeiras opcións precisamente por esa idea de construción compartida.

Benestar universitario e condicións de vida do estudantado

Entre as prioridades do seu programa —que inclúe preto de 700 accións concretas—, López Couso destacou o benestar da comunidade universitaria “nun sentido amplo”. “O estudantado ten que sentirse cómodo, acollido e poder desenvolverse non só academicamente, senón tamén como persoas”, explicou, unha filosofía que estendeu tamén ao persoal docente, investigador e de administración e servizos.

Preguntada polas dificultades asociadas á vida universitaria, especialmente a crise da vivenda en cidades como Santiago, puxo en valor o sistema de residencias da USC: “Somos a universidade de todo o Estado que ofrece un maior número de prazas en residencias universitarias en proporción ao número de estudantes”. Un recurso que, admitiu, non cobre toda a demanda, pero que resulta clave para garantir a igualdade de oportunidades.

Lugo, Medicina e o sistema universitario

A candidata reivindicou con forza o campus de Lugo, do que foi estudante: “Temos que romper coa visión de que a USC é só o campus de Santiago. O campus de Lugo é un campus de excelencia e de referencia, especialmente na súa relación co territorio”. Destacou o incremento da matrícula grazas á implantación de novas titulacións como Robótica, Bioquímica ou Xestión Cultural.

Sobre a Facultade de Medicina, foi clara: “Debe seguir sendo a única facultade de Medicina do sistema universitario galego”. Iso si, defendeu a descentralización docente para aproveitar todos os recursos do sistema sanitario galego, sempre baixo a coordinación da USC: “Somos a universidade do Estado con máis prazas de novo ingreso en Medicina, 403 cada ano, e iso obríganos a ser responsables”.

Relevo xeracional e relación institucional

Outro dos grandes retos sinalados foi o envellecemento do profesorado. “Temos unha idade media moi elevada e un número importante de xubilacións á vista. Temos que garantir ese relevo xeracional”, advertiu, avanzando que unha das primeiras medidas sería aprobar unha planificación de PDI para 2026 que permita incorporar novo persoal xa no inicio do curso.

Finalmente, López Couso comprometeuse a manter e reforzar a apertura da universidade á cidade e ás institucións. “Non vivimos nunha burbulla. A relación entre a universidade e as cidades de Santiago e Lugo ten que ser natural e de beneficio mutuo”. Tamén reclamou unha relación fluída coa Xunta de Galicia, de cara á negociación do novo plan de financiamento: “Temos necesidades específicas que hai que facer valer”.

No peche da entrevista, a candidata dirixiuse á comunidade universitaria para pedir o seu apoio o vindeiro 12 de febreiro: “Construímos este proxecto entre moita xente para seguir traballando pola universidade que todos queremos e que todos nos merecemos”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *