AD

Actualidad

Xantar 2025 pecha a súa 26ª edición con 12.000 visitantes e máis de 140 actividades

today23 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

O presidente do Parlamento de Galicia, a conselleira do Mar, o presidente da Deputación de Ourense e o director da Axencia de Turismo de Galicia participaron no acto de clausura da 26ª edición do salón

O chef noiés Marcos Arufe Blanco gaña o XIII Concurso Xantar Gourmet Grupo Cuevas coa receita “Galicia Kiev”

Ourense, 23.11.2025.- Xantar 2025 pechou esta tarde as portas da súa 26ª edición, concluíndo catro días de intensa actividade nos que 75 expositores mostraron a súa oferta turística e gastronómica. Nesta ocasión, o Mercado Enogastronómico exerceu como principal novidade e espazo de encontro, animado diariamente con concertos.

O programa incluíu máis de 142 actividades distribuídas en dúas aulas gastronómicas, unha aula de cata e outra reservada ás propostas de Estrella Galicia. Tanto os talleres de cociña como as degustacións e catas completaron aforo desde o primeiro día, sumando máis de 4.000 participantes. Rogelio Martínez destacou que “Xantar é xa moito máis que un lugar onde comer ou cear con menús completos e de calidade. É un punto de encontro e de formación”. En total, o salón recibiu 12.000 visitas ao longo das catro xornadas.

O acto de clausura estivo presidido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, quen puxo en valor a relación entre a dieta galega e a lonxevidade dos habitantes de Ourense, provincia que aspira a converterse nunha das escasas “Zonas Azuis” do mundo, con 334 persoas centenarias na actualidade. Acompañárono a conselleira do Mar, Marta Villaverde, que destacou o compromiso da Xunta coa promoción dos produtos do mar e os seus beneficios, así como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.

Xantar reafirmou un ano máis o seu papel como plataforma de promoción dos produtos de calidade do agro e do mar galegos e como escaparate dinamizador do rural. Neste sentido, celebrouse hoxe o día dedicado ao concello de A Arnoia, ocasión na que o concelleiro de Turismo, José Manuel Martínez, apelou á necesidade de continuar investindo no medio rural para garantir o relevo xeracional e permitir que a agricultura deixe de ser unha economía de subsistencia para consolidarse como actividade rendible e xeradora de poboación. Ademais, destinos turísticos como O Grove aproveitaron a feira para potenciar a gastronomía como ferramenta de desestacionalización.

Durante o acto tamén se fixo entrega dunha placa conmemorativa a Carlos Rodríguez, presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea ata hai dúas semanas, polo seu apoio continuado durante 26 anos.

Esta xornada estivo ademais dedicada aos patrocinadores e colaboradores de Xantar, celebrándose a tradicional entrega de placas. O evento volveu demostrar un elevado grao de cooperación público-privada, apoiado pola administración autonómica —a través da Axencia de Turismo de Galicia e das Consellerías do Mar e do Medio Rural— xunto a outras entidades como Economía Social de Galicia, a Dirección Xeral de Comercio ou a de Educación, que facilitou a presenza de varios centros de FP. Ademais, colaboraron a Deputación de Ourense e o INORDE.

Entre os apoios privados destacaron empresas como Gadis, Coren, Estrella Galicia, Cabreiroá, Grupo Cuevas e Bricocentro, xunto á colaboración da Deputación de Lugo e de Renfe como tren oficial. Tamén participaron como entidades colaboradoras ANFACO-CYTMA, Green Ambiental e a Praza de Abastos de Ourense.

Unha das novidades da edición foi a participación de “Patatas Jalys” co concurso “DevoraJalys”, repartindo máis de 8.000 bolsas entre os visitantes.

PREMIOS GRUPO CUEVAS

Durante a clausura entregouse o premio do XIII Concurso Xantar Gourmet organizado polo Grupo Cuevas, que recoñece a mellor receita elaborada con castaña. O gañador foi o chef noiés Marcos Arufe Blanco coa creación “Galicia – Kiev”, un maridaxe composto por un milfolhas de mazá e améndoas cunha base de turrón de castañas acompañado dun cóctel típico de Kiev elaborado con almibre de castaña.

A próxima cita en Expourense chegará esta mesma semana. Do venres 28 ao domingo 30 celebrarase a 9ª edición de ANTIQ AURIA, a Feira Internacional de Antigüedades.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *