AD

Destacado

Xosé Regueira: “A nosa enogastronomía é o Silicon Valley do rural galego”

today18 febrero, 2026

Fondo
share close
AD
  • O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo aposta por un turismo de calidade, sostible e planificado a longo prazo, alerta dos retos organizativos do eclipse do 12 de agosto e defende o produto local como motor económico do territorio.

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, fixo balance da presenza provincial en feiras profesionais como Hospitality Innovation Planet, Madrid Fusión ou Fitur, onde a provincia exhibe músculo gastronómico, innovación e territorio. Nun contexto altamente competitivo, Regueira foi contundente: “En todos os escaparates onde se poida poñer o foco no territorio é necesario estar”.

A feira Hospitality Innovation Planet —centrada non só na gastronomía, senón tamén na hostalaría e na innovación tecnolóxica aplicada ao turismo— converteuse nun espazo estratéxico para reforzar contactos e abrir mercado. “Estamos sorprendidos. É a primeira vez que acudimos e os produtores trasládannos que se está pechando moito contacto, que se está facendo negocio. Diso se trata: de reforzar a cadea de valor da nosa gastronomía”, explicou.

“A cadea de valor mar e terra é o noso Silicon Valley”

Nunha intervención especialmente reivindicativa, Regueira puxo o foco no potencial do sector primario e da restauración: “A cadea de valor enogastronómica, tanto do mar como da terra, é o noso Silicon Valley”. Unha frase que resume a súa visión dun modelo produtivo moderno, innovador e con futuro.

O vicepresidente salientou o regreso de xente nova, formada e con talento ao medio rural tras anos de abandono: “Hai moita xente nova incorporándose á produción de alimentos e á restauración, e estano facendo moi ben. Iso é un gran valor para o territorio”. Ademais, insistiu na importancia do consumo de proximidade: “Hai que animar á xente a que compre produto de quilómetro cero. Está comprando o mellor alimento do mundo, sen dúbida”.

Regueira tamén puxo en valor os recoñecementos acadados por establecementos da provincia, como os Soles Repsol obtidos por restaurantes que actúan como embaixadores do territorio: “Vivimos nun territorio que sabe de saberes. O noso apoio institucional é relativo; o talento é deles”.

Turismo de calidade fronte ao pasotismo

Apenas mes e medio despois de comezar 2026, a Deputación xa leva unha intensa axenda de promoción exterior. Para Regueira, non cabe a autocompracencia: “O turismo é moi competitivo. Non nos podemos cruzar de brazos”. Lembrou que o sector move entre o 13% e o 14% da economía provincial, polo que o seu coidado é estratéxico.

“A mellor receita non é un turismo de luz curta. Temos que planificar a medio e longo prazo, que dea rendabilidade durante moitos anos sen estragar o territorio”, advertiu, apostando por atraer un visitante que valore a experiencia e o valor engadido que ofrece a provincia.

O eclipse do 12 de agosto: oportunidade e reto

Un dos asuntos que marcará a axenda turística deste 2026 será o eclipse solar do 12 de agosto. Regueira recoñeceu que outras comunidades foron máis rápidas na comercialización do evento, pero subliñou que agora a prioridade é outra: “Preocúpanos moito a seguridade, a xestión dos fluxos e a protección das persoas”.

O vicepresidente alertou do impacto que pode ter en zonas como a Costa da Morte ou espazos certificados como destino Starlight: “Podemos imaxinar o que pode significar en estradas estreitas que xa en agosto soportan gran densidade de tráfico que cheguen miles de vehículos. Hai que garantir que os servizos de emerxencia poidan pasar”.

A ocupación hoteleira xa amosa cifras elevadas e mesmo hai cinco grandes cruceiros previstos no porto da Coruña nesas datas. “Agora o sector está empezando a decatarse da dimensión do que vén”, sinalou, facendo fincapé na necesidade de coordinación institucional e responsabilidade colectiva.

Presenza activa e promoción constante

A actividade no stand provincial na feira foi intensa, con showcookings, entrevistas e encontros profesionais. “A actividade está sendo realmente importante”, indicou Regueira, convencido de que a visibilidade e o “ruído no mercado” son imprescindibles para xerar oportunidades económicas.

En definitiva, unha estratexia que combina promoción exterior, defensa do produto local e planificación sostible. Porque, como resumiu o propio vicepresidente, “temos dereito a xerar atracción dun turismo de máis calidade que queira desfrutar da experiencia altísima que somos capaces de dar”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *