Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 noviembre, 2024
O Centro Xove da Almáciga súmase á celebración do trinta aniversario do movemento Bravú, e acollerá o próximo 19 de novembro a proxección de “Bravú XXX”, un filme documental de Xurxo Souto e Nós Televisión. O artista manterá un encontro co público asistente, a partir das 19.00 horas. A entrada é libre e de balde, ata completar aforo.
BRAVÚ XXX é un filme documental no que Xurxo Souto invoca o “cosmos bravú” trinta anos despois do nacemento deste movemento. O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto emprende unha viaxe que nos achega ao Bravú desde a súa dimensión de movemento, conectándoo e entendéndoo desde dentro da nosa historia musical. BRAVÚ XXX aborda o Bravú desde ese trazado dun camiño colectivo, espontáneo, honesto e aberto a todas e todos os espectadores. Trátase dunha produción de Nós Televisión para celebrar este trinta aniversario do bravú que se cumpre este outono, realizada co apoio económico do departamento de Mocidade do Concello de Santiago, dos concellos de Chantada, Pontevedra, A Coruña e Carballo, e da Deputación da Coruña. O filme está a ser proxectado e presentado por toda a xeografía galega, e terá un pase especial de presentación, proxección do audiovisual e coloquio con Xurxo Souto e cunha persoa de Nós Television o día 19 de novembro, ás 19:00 horas, no Centro Xove de Creación Cultural de Santiago, na Almáciga. O acto será con entrada aberta e gratuita para todos os públicos ata completar aforo.
30 anos do Bravú casando galego e guitarras eléctricas
Nos anos 90, as guitarras eléctricas chegaron ás aldeas e agromaban no país grupos de rock en galego, mais que non se coñecían entre si. O punto de inflexión márcao o 31 de outubro de 1994, cando cerca dunha ducia de grupos -como Os Diplomáticos de Monte Alto, os Papaqueixos, os Impresentables ou O Caimán do Río Tea- se reúnen na taberna Caballero, na aldea de Viana, en Chantada, e crean unha etiqueta para si mesmos: o bravú.
Trinta anos despois daquel día, Xurxo Souto volverá á Taberna Caballero de Viana, en Chantada, con algúns dos co-fundadores do Bravú. Antes desa apoteose, Xurxo Souto encontrarase con persoas que nos axudarán a entender este movemento e saber se a día de hoxe hai un Bravú vivo na nosa historia cultural e musical.
Sinopse BRAVÚ XXX
Logo de ver a cover que as novísimas compoñentes do grupo musical Rager, pertencente ao proxecto Xeración Sónica do Concello de Pontevedra, fan do mítico tema bravú ‘Estou na lavadora’, Xurxo Souto arranca nunha viaxe que lle permite visitar e entender de novo o que foi o movemento bravú. Inicia o camiño na Coruña desde o barrio de Monte Alto, berce dos Diplomáticos, co garbo de Paola Beiro, integrante das Garotas da Ribeira conectada co repentismo e a cultura popular mais tamén coa Barcelona mestiza que personificou o músico Manu Chao. Xurxo Souto atópase no seu camiño con Nuno Pico, de Grande Amore, quen achegará a visión da nosa fornada da música galega que está a colleitar grandes éxitos dentro e fóra do noso país. Continuará o camiño pola Coruña para visitar ao referente e padriño da xeración bravú, Xosé Manuel Pereiro, aliás Johnny Rotring en Radio Océano, con quen senta na barra da Buserana.
María Xosé Silvar, Sés, agarda nun estudo da Casa do Rock para explicarlle a Xurxo Souto como influíu nela a referencialidade do movemento bravú; para despois continuar a viaxe na Sala Ártika de Vigo cos Vacalouras, quen conservan do Bravú ese descaro e reivindicación da aldea e dos barrios. Con esta cosmovisión pangalaica, Xurxo Souto emprende á parada final de BRAVÚ XXX: a Taberna Caballero, aldea de Viana, concello de Chantada. Alí volverá reunirse cos cofundadores do movemento Bravú para compartir con eles lembranzas e pensamentos logo de trinta anos de anécdotas e amizade.
O filme documental vaise estrear en Nós Televisión, R e Movistar Plus+ en aberto o 11 de decembro.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)