Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 noviembre, 2024
O alcalde de Shingu, Taoka Michitoshi (esquerda) e o alcalde de Padrón, Anxo Arca, durante o acto oficial de sinatura do irmandamento
Padrón. 13-11-2024.- Anxo Arca e Michitoshi Taoka asinaron esta mañá o protocolo de irmandamento entre os concellos de Padrón e de Shingu, localidade situada na prefectura xaponesa de Wakayama, a uns 500 quilómetros ao sur de Tokio. Os dous alcaldes resaltaron no acto oficial celebrado esta mañá no salón de plenos a importancia que ambos os municipios teñen, respectivamente, no Camiño de Santiago e no Kumano Kodo, os únicos que foron declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
“Hoxe asinamos este acordo de colaboración coa intención de afondar nese intercambio cultural entre dous pobos que se atopan en lados opostos do mundo, establecendo unha gran ponte de amizade e traballo conxunto para fomentar a concordia e o coñecemento entre rexións moi distintas pero con gran vontade de entendemento”, asegurou Anxo Arca na súa intervención.
O alcalde de Shingu, Michitoshi Taoka, resaltou algunhas das semellanzas entre os dous municipios, facendo referencia expresa ás dúas rutas de peregrinación. “Temos cousas en común con Padrón, como unha ruta de peregrinación fluvial e unha terra relacionada con personaxes culturais”, asegurou, antes de amosar o seu convencemento de que “este intercambio será positivo tanto para Padrón como para Shinghu”.
O acto de irmandamento celebrouse no salón de plenos do Concello de Padrón e comezou gardando un minuto de silencio en memoria de Eduardo Otero, o primeiro alcalde democrático de Padrón que finou onte aos 77 anos.
Este é o terceiro irmandamento do Concello de Padrón, tras os asinados con Rianxo e Santiago o século pasado. O protocolo firmado con Shingu responde a vencellos e obxectivos comúns. Ámbolos dous pobos están unidos polo feito de atesourar séculos de historia e cultura, pola relevancia dun río no seu emprazamento e, sobre todo, por ser enclaves de referencia en dous dos principais camiños de peregrinación mundial e os únicos recoñecidos como Patrimonio da Humanidade: o Camiño de Santiago e a ruta Kumano Kodo, unha rede de itinerarios que conecta os tres grandes santuarios coñecidos como Kumano Sanzan.
Anxo Arca e todo o goberno padronés recibiron a delegación xaponesa, composta por membros do departamento de planificación da prefectura de Wakayama, da Universidade de Toquio e do municipio de Shingu. O acto oficial, ao que tamén asistiu o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, rematou cun intercambio de presentes. Anxo Arca regaloulle unha figura de Sargadelos a Michitoshi Taoka, e este correspondeulle cunha táboa de madeira típica de Shingu na que estaban tallados os escudos dos dous municipios e unha frase relativa ao acordo asinado hoxe.
Tras a foto de familia no salón de plenos e diante da estatua de Rosalía no Espolón, a delegación xaponesa puido visitar os principais puntos de interese de Padrón, comezando pola igrexa parroquial de Santiago, onde se atopa o pedrón ao que, segundo a tradición, foi amarrada a barca do Apóstolo; e a fonte do Carme. Logo achegouse ata o Santiaguiño do Monte e a Fundación Camilo José Cela. Pola tarde visitaron a Fundación Rosalía de Castro e a desembocadura do Ulla.
O irmandamento de Padrón con Shingu coincide coa celebración dos vinte anos da declaración da Ruta Kumano Kodo (e en concreto dos Sitios sagrados e rutas de peregrinación dos montes Kii) como Patrimonio de Humanidade pola Unesco. Na desembocadura do río Kumano-gawa, a cidade pode presumir dun treito fluvial de peregrinación e acolle o santuario de Hayatama Taisha, un dos tres grandes santuarios da ruta Kumano Kodo. Tamén é moi célebre o santuario de Kamikura-jinja, levantado no alto dun cantil.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)