AD

Comarca

Terio Carrera pide no pregón das festas de Padrón que “a Pascua se converta nun impulso á cordura e ao sentido común”

today5 abril, 2026

Fondo
share close
AD

 

Que a Pascua nos axude a minimizar os defectos e a maximizar as virtudes dos que nos rodean”, afirmou o xornalista, que tivo moi presentes na súa intervención o deporte e as redes sociais

• O alcalde animou a veciñanza e visitantes a gozar “das festas con sentidiño” e volveu reafirmar o compromiso do Concello de Padrón coa igualdade e o talento feminino

• Cheo na praza de Macías para escoitar o pregón que marca o inicio duns festexos que continuarán ata o domingo de Pascuilla

• Nunha intensa xornada tamén se celebrou a XLV Carreira de Pascua, a 53ª Feira de Maquinaria e os concertos das orquestras Olympus y Unión y Fuerza

Padrón. 4-4-2026.- O deporte, as redes sociais e o respecto polos demais foron hoxe protagonistas no pregón co que Terio Carreira deu a saída oficial ás festas máis importantes de Padrón. “Que a Pascua se converta nun impulso á cordura, ao sentido común, que nos axude a minimizar os defectos e a maximizar as virtudes dos que nos rodean”, asegurou o xornalista de TVG, que pediu poñer fin ao anonimato nas redes sociais. O alcalde, Anxo Arca, animou a veciñanza e a visitantes “a gozar con sentidiño” duns festexos que continuarán ata o vindeiro día 12, domingo de Pascuilla, cun amplo abano de propostas culturais, deportivas e musicais para todos os públicos.

“Que a Pascua descubra aos que se agochan nas redes sociais cheos de complexos, inseguridades e maldades”. As redes sociais poderían ser “unha ferramenta extraordinaria para a nosa sociedades”, pero tendo en conta os constantes insultos e irregularidades que se cometen, o pregoeiro considera que “agora debería cambiarse a lexislación para que unicamente poidan ter nas redes sociais persoas con nomes e apelidos que que sexan localizables”. Terio Carreira afirmou que non ten redes sociais e tampouco as vai ter.

Para o pregoeiro, o importante e a saúde. “Que a Pascua de Padrón traía saúde, sobre todo saúde para todos e todas”, dixo, antes de lembrar que “os verdadeiros problemas” da xente están “nos hospitais, sobre todo nas unidades de oncoloxía, e, fundamentalmente, nas de oncoloxía infantil”. Para solucionar eses problemas pediu financiación, “porque necesitamos investigación, non milagres”.

Terio Carreira amosouse moi honrado por ser nomeado pregoeiro, “como foi antes unha figura tan ilustre como Pepe Domingo Castaño”, dixo. Na súa intervención non faltaron alusións ao ciclismo, nun ano no que Padrón se converte na capital galega deste deporte, nin tampouco a grandes figuras do fútbol padronés como Carolo ou Fontenla.

Pola súa banda, o alcalde deulle a benvida oficial ás festas ao público presente na praza de Macias. Anxo Arca animou a veciñanza e visitantes a “gozar das festas, pero con sentidiño, para respectar tanto a quen temos ao noso lado e non pensa coma nós, como ao mobiliario público”.

Ademais de agradecer o traballo de todas as persoas que fan posible as festas, Anxo Arca volveu insistir no compromiso do goberno local “en poñer en valor o talento da mocidade padronesa e da comarca, sobre todo das mulleres”. Este foi un dos motivos polo que se elixiu a Ángela Ríos, padronesa de 24 anos, como a primeira muller que deseña o cartel da Pascua; e ao dj muradán 9Louro como un dos principais atractivos do programa musical. A creadora de contigo valguesa Sara Seco Rial volveu presentar o acto no que se pronunciou o pregón.

Carreira popular e primeiros concertos

Ao longo do día, a vila xa vibrara co inicio da XLV Carreira de Pascua, que reuniu a 700 atletas de todas as idades e que tivo como vencedores na categoría absoluta a Emma Méndez, da Escuela Atlética Lucense, e a Iñaki Pena-Manso. Pola tarde inaugurouse a 53ª Feira Exposición de Maquinaria Agrícola e Industrial, consolidada como un dos referentes do sector.

A xornada completouse coas actuacións das orquestras Olympus e Unión y Fuerza, que nos primeiros concertos da Pascua encheron de festa e animación os espazos do Fondo de Vila e o paseo do Espolón até ben entrada a madrugada.

Un domingo cheo de propostas

A programación continuará mañá, Domingo de Pascua, cos tradicionais pasarrúas da Banda de Música Municipal e do grupo folclórico Arreixeira, acompañado dos xigantes e cabezudos. A Feira Cabalar volverá incluír este ano tamén os concursos morfolóxicos e un espectáculo de doma de alta escola.

A música virá da man da Banda Municipal na praza de Macías ás 13.30 horas e da charanga Mekanika Rolin Band polas rúas (14.20). Un dos pratos fortes da programación deste ano dará comeza ás 21.00 horas na praza de Macías coa actuación do mozo muradán 9Louro, ao que seguirá o concerto da Orquestra Panorama (22.00) en Fondo de Vila. O espectáculo DJ Matrek Shown (01.00) no paseo do Espolón pechará un intenso Domingo de Pascua.

Toda a programación está dispoñible nas web do Concello de Padrón www.padron.gal e nas redes sociais oficiais do Concello.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *