Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 marzo, 2026
Este documental tece un espazo de diálogo honesto, onde a palabra se transforma en ferramenta de memoria, conciencia e transformación social. Máis alá da reivindicación puntual do 8 de marzo, 8M A Voces pretende ser un exercicio colectivo de escoita e recoñecemento, dando visibilidade á diversidade de realidades cotiás e fortalecendo o compromiso co Concello de Ames coa igualdade efectiva entre mulleres e homes
O proxecto pon en valor o grupo, a conversa e a forza das historias compartidas como motor de cambio, lembrándonos que as pequenas vidas cotiás tamén teñen un grande impacto
Ames, 8 de marzo de 2026.- O Concello de Ames, a través da Concellaría de Igualdade, celebrou hoxe o acto central de conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Dito acto, presentado por Fátima Pego, realizouse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns e estivo protagonizado pola proxección do documental 8M A Voces, no que 9 mulleres de Ames comparten reflexións arredor da igualdade. Trala proxección realizouse un coloquio no estas 9 mulleres falaron das súas propias experiencias, e abriuse unha rolda de preguntas para o público. O acto pechou coa intervención da concelleira de Igualdade, Uxía García, e das voceiras dos grupos municipais políticos do Partido Popular, Oliva Agra; BNG, Escarlata Pampín; e Espazo Común, Luísa Feijóo.
Diana Parente, Laura Rozas, Cristina Álvarez, Concha Sabucedo, Mari Viaño, Cheli Marín, Cristina Sánchez, Tabita Rodríguez e Merlita Álvarez, todas elas veciñas de Ames, son as protagonistas do documental 8M A Voces, no que estas 9 mulleres comparten reflexións arredor da igualdade. Dito documental estreouse esta mañá no acto central de conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, organizado polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Igualdade.
A través dun formato próximo e coidado, o documental 8M A Voces recolle testemuños de vidas reais e diversas, mulleres con experiencias, rutinas e historias diferentes, que comparten reflexións arredor da igualdade, dos avances acadados e dos retos que aínda persisten no día a día. Non hai un só modo de ser muller: cada historia é única, mais todas teñen elementos comúns, desafíos compartidos e unha forza que merece visibilidade.
Este documental tece un espazo de diálogo honesto, onde a palabra se transforma en ferramenta de memoria, conciencia e transformación social. Máis alá da reivindicación puntual do 8 de marzo, 8M A Voces pretende ser un exercicio colectivo de escoita e recoñecemento, dando visibilidade á diversidade de realidades cotiás e fortalecendo o compromiso co Concello de Ames coa igualdade efectiva entre mulleres e homes. O proxecto pon en valor o grupo, a conversa e a forza das historias compartidas como motor de cambio, lembrándonos que as pequenas vidas cotiás tamén teñen un grande impacto.
Acto central do 8M
O acto central do 8M, presentado por Fátima Pego, comezou coa proxección dun vídeo no que se deu lectura ao manifesto institucional con motivo do 8M no que se explica que “cada muller é diferente, cada unha ten un sentir, cada unha vive distinto, non hai unha única maneira de ser muller, rurais e urbanas, mozas e maiores, de diferentes culturas e con diferentes capacidades e vivencias. Non somos un suxeito único, non somos unha categoría pechada, somos persoas diversas… Hoxe presentamos as nosas voces para deixar claro que non hai unha soa forma de ser muller, que non hai recuncho da nosa sociedade do que nos poidan afastar, nin espazo que non poidamos conquistar. Vivimos en Ames e queremos medrar sen límites, sen medos, sen violencias, con oportunidades reais para todas, porque non hai unha soa voz, hai moitas, e este 8 nde marzo vasnos ver, vasnos sentir, vasnos oír dicir a voces: Ames en igualdade”.
De seguido, interviu o alcalde, Blas García, que puxo en valor o papel realizado polas mulleres hai anos e en concreto de súa nai. “Unha muller que ademais de coidar aos seus dous fillos, coidaba tamén a súa nai, facía as tarefas da casa e da horta, e a maiores era mariscadora. Ademais, en moitas ocasións tiña que facer de nai e pai, porque moitas familias naqueles anos tiñan aos seus pais emigrados, polo que tiñan que facer dobre traballo. Conto isto porque creo que reflexa moi ben o traballo que fixeron e fan as mulleres do noso país, facendo de mulleres e homes ao mesmo tempo. Debemos ter presente todos os días a importancia da muller na sociedade galega, e na sociedade en xeral. Os homes temos que involucrarnos máis e estar máis presentes. Estamos nun momento no que están en perigo moitos dos dereitos adquiridos polas mulleres, grazas a vosa loita, polo que debemos de concienciarnos todos e todas e estar xuntos/as”.
Coloquio e rolda de preguntas
Trala proxección documental, abriuse un coloquio coas 9 mulleres participantes no documental que falaron das súas propias experiencias. O coloquio rematou cunha reflexión moi interesante dunha das protagonistas do documental, Laura Rozas, que dixo “non creo que hoxe sexa un día para celebrar, senón que é para conmemorar os dereitos da muller e a igualdade entre todos, dá igual a idade, a nacionalidade. Temos que buscar a maior igualdade posible, para que esta sociedade sexa mellor e máis xusta. Non hai un día para isto, si que é certo que hai instaurado un día, o 8M, pero deberíamos loitar por isto todos os días. Temos que ter en conta que temos o mesmo poder que calquera home e que todas somos válidas para o que nos propoñamos”.
Posteriormente, abriuse unha rolda de preguntas das persoas asistentes ao acto que preguntaron por diversas cuestións. O acto pechou coa intervención da concelleira de Igualdade, Uxía García, e das voceiras dos grupos municipais políticos do Partido Popular, Oliva Agra; BNG, Escarlata Pampín; e Espazo Común, Luísa Feijóo.
A concelleira de Igualdade, Uxía García, dixo “o feminismo une e temos que traballar para que ningunha muller quede atrás, independentemente da súa idade, procedencia, realidade e identidade. Este 8M o feminismo é unión, igualdade e futuro”. Uxía García rematou dando lectura a uns versos dunha veciña amesá, Guadi Galego, que segundo dixo “simboliza moi ben o longo camiño que percorremos as mulleres ao longo da historia, un auténtico exercicio de resistencia que nos fixo chegar a onde estamos hoxe. Hai moito camiño percorrido, pero máis queda por andar”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)