Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 junio, 2026
Fernando Suárez, presidente: “A soberanía tecnolóxica de Europa, de España e de Galicia non dependerá unicamente das máquinas, tamén das persoas”
Máis de 500 convidados asistiron en Santiago á gala, presentada polo xornalista deportivo e presentador da TVG, Terio Carrera, na que se entregaron as distincións nas 14 categorías que recoñecen iniciativas ou persoas destacadas neste ámbito profesional
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o pasado venres, 12 de xuño, a súa ‘18 NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago na que se entregaron os premios anuais da profesión. Asistiron máis de 500 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do eido universitario e profesionais do sector tecnolóxico. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o CPEIG mostra á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros e enxeñeiras en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
Foron 14 as distincións anuais que se entregaron hoxe na gala, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados/as recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática: Startup Galicia, a asociación de emprendedores máis grande de Galicia; Virginia Mato, codirectora da Cátedra ALDABA-WIB da UDC e UVigo; Paula Montoto, doutora en Informática, a título póstumo; José Valiño, director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións de ABANCA, e José Manuel García Oya, socio director de Plexus Tech; Sparc Foundry, a primeira empresa española, con sede en Vigo, dedicada á fabricación de semicondutores de última xeración; Loomi, plataforma web pedagóxica; Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes; Gerencia de Informática da Seguridad Social pola súa plataforma ISAC (Infraestructura de Soporte de Atención al Ciudadano); OdiseIA, Observatorio del Impacto Social y Ético de la IA; Concello de Ames; David Zambrana; as empresas tecnolóxicas Dell Technologies, DXC Technology e Taisa; a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia; e o pioneiro da intelixencia artificial en España e Europa, Ramón López de Mántaras.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, realizou unha reflexión sobre o impacto da intelixencia artificial, “unha ferramenta tecnolóxica de poder” capaz de influír no que vemos, no que lemos, nas oportunidades que recibimos, nas decisión que tomamos e, en definitiva, na forma na que entendemos o mundo. “Os algoritmos, os datos e as infraestruturas dixitais non son unicamente cuestións técnicas. Son tamén cuestións de xustiza, de liberdade e de futuro”, sinalou no seu discurso inaugural.

Facendo referencia a un paradoxo da IA coa obra Cien años de soledad de García Márquez e a unha metáfora dos baobab no libro de El Principito, Fernando Suárez explicou que as corporacións actuais son capaces de concentrar unha cantidade de datos, de coñecemento, de capacidade de influencia e de poder económico nunca antes vista na historia da humanidade. “A soberanía tecnolóxica de Europa, de España e de Galicia non dependerá unicamente das máquinas. Dependerá das persoas, do talento, da nosa capacidade para formar profesionais, crear empresas innovadoras, xerar coñecemento e construír tecnoloxía propia. O esencial desta profesión non son os ordenadores, son as persoas”, asegurou.
Neste 2026 a Enxeñaría Informática en España cumpre cincuenta anos, e o presidente do CPEIG destacou o seu papel protagonista como transformador das administracións, empresas, universidades e fogares, medio século construíndo silenciosamente o mundo dixital no que vivimos como profesión esencial para garantir a soberanía dixital. “Temos que seguir defendendo, con firmeza e con responsabilidade, o recoñecemento que a nosa profesión merece pola sociedade á que servimos. A NOITE da Enxeñaría en Informática non celebra unicamente proxectos, empresas ou traxectorias profesionais, celebra unha comunidade formada por miles de profesionais que, desde lugares moi distintos, traballan cada día para construír un futuro mellor”, indicou.
Esta décimo oitava edición contou coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o director da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey; a deputada provincial da área de Sectores Produtivos da Deputación da Coruña, Cristina Capelán; o alcalde de Ames, Blas García; a reitora da Universidade de Santiago (USC), Rosa Crujeiras; e a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña (UDC), María José Lombardía; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
A gala estivo conducida polo xornalista deportivo e presentador da TVG, Terio Carrera. Como artista invitado, o evento contou este ano coa actuación do afamado ilusionista e mentalista Jorge Luengo, ademais doutras sorpresas, como un flash mob, unha parodia de Bad Bunny ou unha espectacular actuación dunha violinista cun violín led-láser.
Escrito por Líder Redacción
18 NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia CPEIG gala anual galicia Santiago de Compostela



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)