AD

Sin Categoría

Luz verde a proxectos en Berdía, Quinta dos Fuentes e a Catedral de Santiago

today15 junio, 2026

Fondo
share close
AD

A Xunta de Goberno Local (XGL) aprobou, na sesión ordinaria deste luns, o expediente para licitar a construción dun parque infantil e biosaudable na antiga estación de Berdía. Esta actuación, incluída no POS 2025, ten un orzamento base de 150.000,00 € (IVE incluído) e dotará a zona dunha área de xogos infantís de 269 m2 e outra e exercicios biosaudables de 275,89 m2, ademais arranxar 89,08 m2 de senda peonil.

Por outra banda, o goberno local acordou solicitarlle unha axuda á Deputación Provincial da Coruña por importe de 240.000,00 euros para o proxecto singular turismo sustentable: Compostela Única, que ten un orzamento total de 300.000,00 euros. A proposta artéllase arredor de tres eixos: cultural, de natureza e gastronómico.

No ámbito cultural, proponse fortalecer a imaxe de marca de destino cultural cunha estratexia de promoción de eventos e festivais de pequeno formato e da oferta cultural de continuidade, cunha imaxe propia, diversos elementos de promoción e unha proposta de difusión.

O eixo de natureza aproveita a excepcional oportunidade de presenciar o “anel de diamantes” e as coñecidas “perlas de Baily” que se poderán ver en Santiago durante o eclipse previsto para o 12 agosto e ten en conta a histórica vinculación de Compostela, o Campus Stellae, e do mundo xacobeo co universo estelar para amosar a riqueza do noso territorio, situado entre outeiros.

O terceiro eixe pon o foco na gastronomía e nos produtos locais como impulsores do turismo para reforzar o posicionamento de Santiago como destino gastronómico ao longo de todo o ano. A principal acción dentro deste eixe será a organización dun evento, fóra da temporada alta, que poña en valor a creatividade gastronómica que alberga Compostela.

Axudas ao fomento do deporte federado

Tamén se aprobaron as bases reguladoras da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do deporte federado, cunha consignación económica de 330.000 euros.

Míriam Louzao sinalou que bases son iguais ás do ano anterior e que estas axudas se dirixen a entidades deportivas locais sen ánimo de lucro para colaborar cos gastos derivados da súa participación nas competicións deportivas do calendario oficial federativo, cun importe máximo de 18.000 euros por axuda.

Poderán financiarse as licenzas federativas e de mutualidade, as inscricións, os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención que ocasione a participación nas competicións, os gastos de arbitraxe, de material deportivo non inventariable, dos servizos de lavandería, alugueiro de instalacións, gastos médicos e de seguros. Calquera dos gastos ten que corresponder ao período entre o o 1 de xaneiro e o 20 de outubro de 2026.

As solicitudes teñen que presentarse na sede electrónica do Concello durante os 15 días posteriores á publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Licenzas para obras na Catedral

No apartado de licenzas destacan dúas concedidas para obras no conxunto catedralicio. A primeira delas refírese á rehabilitación e ampliación do espazo do Museo en que se expón o coro pétreo do Mestre Mateo, situado nos sotos do cláustro, na zona denominada Buchería.

O proxecto ten o obxectivo de mellorar a musealización da reconstrución parcal do coro pétreo do Mestre Mateo, que se inaugurou nese espazo en 1999. Propón unha nova organización espacial, aumentando a zona expositiva para incorporar tamén novas pezas, moitas delas descubertas nas escavacións arqueolóxicas de 2017 e 2021, e mellorar a visión do fragmento de calzada medieval que está na zona de acceso á actual sala. Intervén nunha superficie total de 306,82 m2, dos cales 149,70 m2 corresponden á ampliación

“O proxecto organizará o percorrido e o discurso expositivo arredor das pezas pertencentes a coro pétreo incorprando un entarimado de madeira. Tamén renovará a iluminación para buscar unha analoxía coa forma en que a luz natural atravesaba os ocos da fachada sur da nave e iluminaba o coro primitivo”, explicou Míriam Louza.

A segunda é a licenza para a restauración das sancristías da Capela do Cristo de Burgos, localizada no lateral norte da Catedral e separada do Pazo de Xelmírez por un pequeno patio. Un proxecto cun orzamento de execución material de 151.163,84 euros. Esta capela, con planta de cruz grega e dúas sancristías, foi encargada polo arcebispo Pedro Carrillo y Acuña ao arquitecto Melchor Velasco y Agüero e concluída en 1664.

“A sancristía leste, máis complexa e rica, está cuberta por unha bóveda de casetóns de carpintería, mentres que a oeste, que é máis ampla e ten dous andares, é máis sinxela e funcional. Esta última limita directamente co muro da fachada románica norte da catedral polo que ten especial interse xa que é un dos poucos lugares desde onde é posible observar polo exterior a totalidade dos elementos da orde arquitectónica desa fachada románica”, engadiu a portavoz municipal.

A sancristía oeste foi privada no século XX da súa cuberta histórica, substituíndoa por un forxado horizontal de formigón cun chapado de lousas irregulares. O proxecto que agora se licencia recuperará a xeometría tradicional desta cuberta, que será inclinada e de tella e xerará dous hastiais triangulares que se acristalarán para que se poida ver ese anaco da fachada norte da catedral. Este punto entre dous contrafortes é tamén especialmente interesante dentro do proceso de construción da catedral porque, segundo apuntan os últimos estudos, nesa zona quedou parada a obra da nave principal para ser retomada polo equipo do Mestre Mateo, encargado de finalizar a catedral e construír a fachada occidental e as torres.

A obra tamén restaurará os paramentos interiores e os pavimentos das dúas sancristías e renovará o espazo exterior entre a sancristía oeste e a torre norte, afectado pola auga que se recolle nese punto sen unha solución adecuada. O proxecto inclúe asemade a renovación da instalación eléctrica nas zonas en que intervén.

Aprobáronse tamén outras catro licenzas, para obras para a mellora de accesibilidade no portal e nas zonas comúns do edificio situado no número 69 da avenida de Quiroga Palacios; a reconstrución da cuberta na rúa de San Lázaro número 25; a rehabilitación da envolvente exterior do edificio do número 19 da rúa da Estación do Casal; e a reforma de dúas vivendas na avenida de Raxoi,

Quinta dos Fuentes

A Xunta de Goberno aprobou tamén o proxecto para a reparación da estrutura e a eliminación de humidades na Quinta dos Fuentes en Vidán. Este proxecto, elaborado polo Consorcio de Santiago, que tamén se encargará de contratar a obra, ten un orzamento de 105.077,26 euros e un prazo de execución de 4 meses.

As actuacións prevén modificar a estructura da cuberta para levantar o lucernario da escaleira, renovar as tellas deterioradas, repoñer o falso teito da planta baixa afectado pola auga, reforzar os pontóns e as trabes, instalar novos canalóns, baixantes, carpinterías e varandas, sanear os muros, revocar e pintar, executar un sistema de drenaxe exterior e trasladar a sebe que afecta a fachada.

A voceira municipal explicou que tal como lembra a documentación do proxecto, é un lugar moi unido á historia industrial de Santiago, o antigo curtidoiro de Pego fundado en 1792 -coñecido tamén como Ponte Vella de Vidán, Villa Rin, Quinta dos Fuentes, Villa Rial, Quinta dos Xesuítas e Casa de Brandía. Estaba situado a carón da fábrica de papel, actual hotel. A actividade da curtidoiro chegou ata 1889, aínda que durante o seu funcionamento sufríu varios cambios de propietario e foi saqueada polos franceses na Guerra da Independencia. Nese ano, tras varios cambios, chegou a máns de Manuel Fuentes Rodríguez, que non tiña interese en continuar a actividade industrial e encargou ao seu fillo Agustín Fuentes, avogado e xuíz municipal, a súa transformación nun predio de lecer, proceso en que se engadiu unha torre de tres andares e un xardín estilo francés.

O edificio, no corazón dun parque que se creou en 2003 e situado á beira do paseo pola beira do Sar, destinouse á actividade sociocultural mais arrastra desde hai décadas importantes deficiencias que foron provocando deterioros importantes e que dificultan o seu uso, polo que era unha obra moi agardada.

Na mesma sesión de hoxe deuse conta da addenda ao Acordo da Comisión Bilateral do 11 de maio de 2023, sobre programas de axudas á rehabilitación o abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e, por tanto, financiados con fondos Next Generation da Unión Europea. A addenda ao acordo prorroga o prazo para executar as actuacións de rehabilitación ata o 30 de xuño de 2028 e para que a Administración autonómica as xustifique ante o Ministerio de Vivenda ata o 31 de decembro dese ano. Tamén se prorroga o prazo da axuda á oficina de rehabilitacin ata o 31 de decembro de 2026.

Axudas para taxis e outros asuntos

Ademais, aprobáronse as bases da convocatoria das axudas individuais para o uso do servizo de taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo, dotada con 15.000 €.

Prevense axudas de ata 350 euros para os gastos por desprazamentos de persoas con discapacidades que afecten á súa mobilidade, discapacidade visual, tratamentos periódicos, residencia no contorno rural con discapacidade, doenza ou idade avanzada.

O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles a partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde á aprobación dun contrato para redactar o proxecto de rehabilitacón da antiga escola de Busto, cun importe de 9.462,20 euros, e tamén a reparación do parqué do Pavillón das Fontiñas, ao que se dedican 48.375,35 € (IVE incluído). Estas aprobacións reafirman o compromiso do goberno local coa mellora das instalacións deportivas e coa dotación de servizos no rural.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *