Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 julio, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, presentou hoxe unha nova proposta destinada a facilitar a relación da cidadanía co Concello: incorporar Bizum como sistema de pagamento e cobramento municipal para taxas, actividades e servizos.
Verea lembrou que nas últimas semanas o PP vén presentando un conxunto de medidas pensadas para facer máis fácil a vida dos pais e nais compostelás e favorecer a conciliación. Entre elas, propostas como a de promover a estancia de 3 semanas en irlanda durante o verán para todo o alumnado de 3º da ESO que o desexe, poñer en marcha un servizo municipal de canguraxe, impulsar a Casa das Familias, habilitar a Parada Familiar ou crear a Bolsa Familiar da Zona Azul.
«Hoxe damos un paso máis. Se nas últimas semanas falabamos de facer máis sinxela a vida das nais e dos pais, agora queremos facer tamén máis fácil a relación de todos os composteláns coa súa Administración», sinalou.
O popular lembrou que a semana pasada xa presentou o compromiso de que, se é alcalde, o Concello de Santiago pagará aos seus provedores en menos de vinte días, porque «un Concello serio tamén ten que cumprir coa súa palabra e ser puntual». Nesta ocasión, explicou, a proposta céntrase en modernizar a relación entre a Administración e os cidadáns.
Verea destacou que leva moitos anos traballando dentro da Administración Pública, unha experiencia que lle permitiu comprobar dúas realidades. Por unha banda, recoñeceu o traballo dos empregados públicos, aos que cualificou como «magníficos profesionais que cada día desempeñan a súa función con compromiso e profesionalidade». Pola outra, lamentou que «demasiadas veces seguimos facendo perder o tempo á cidadanía con procedementos pensados para outra época».
Ao seu xuízo, modernizar unha administración non consiste unicamente en incorporar tecnoloxía, senón en poñela ao servizo das persoas. «O importante é facerlle a vida máis fácil á xente», afirmou.
Neste sentido, explicou que hoxe en día calquera persoa utiliza o teléfono móbil para facer unha transferencia, mercar unha entrada ou pagar unha cea entre amigos, mentres que cando se relaciona co Concello segue atopando en procedementos lentos, complexos e pouco adaptados ao ritmo da vida diaria.
«Queremos un Concello máis fácil. Un Concello onde pagar unha taxa sexa sinxelo, onde apuntarse a unha actividade municipal leve un minuto e onde realizar unha xestión non obrigue a perder toda unha mañá», asegurou.
Para avanzar nese modelo, o PP propón incorporar Bizum como novo sistema de pagamento e cobramento municipal. Deste xeito, un veciño poderá aboar unha taxa, unha actividade deportiva, unha escola infantil ou calquera outro servizo municipal coa mesma facilidade coa que realiza centos de operacións na súa vida diaria.
Verea lembrou que numerosas administracións públicas xa implantaron este sistema con bos resultados, polo que «non estamos inventando nada; simplemente propoñemos que Santiago deixe de ir por detrás e empece a poñerse ao día».
Para o líder popular, Bizum é só un exemplo dunha maneira diferente de entender o Concello. «O importante non é Bizum. O importante é construír un Concello pensado desde o punto de vista do cidadán, que respecte o tempo dos veciños e aproveite a tecnoloxía para simplificar as pequenas cousas do día a día», explicou.
Finalmente, avanzou que esta iniciativa forma parte dunha serie de propostas que irá presentando nas próximas semanas para modernizar a Administración municipal e abrir «unha nova etapa para Santiago». «Abrir unha nova etapa significa construír un Santiago máis fácil, un Concello que funcione e que axude a resolver os problemas cotiáns da xente», concluíu.
«As eleccións van de decidir que futuro queremos para Santiago»
Preguntado pola presentación dos candidatos das distintas formacións políticas ás eleccións municipais, Borja Verea expresou o seu respecto por todos eles e desexoulles «toda a sorte do mundo». «Todos defenderán con lexitimidade o seu proxecto e iso sempre é positivo para a democracia», sinalou.
O líder popular considerou, con todo, que os próximos comicios «non van realmente dos nomes, senón de decidir que futuro queremos para Santiago». Ao seu xuízo, os composteláns terán que escoller entre «continuar co mesmo espazo político que leva gobernando a cidade durante os últimos doce anos, aínda que cambien os candidatos», ou «abrir unha etapa nova cun cambio tranquilo, capacidade de xestión, ilusión e un proxecto pensado para que Santiago volva funcionar e recupere toda a súa ambición».
Verea asegurou que afrontará os próximos meses «falando menos dos demais e máis de Santiago», convencido de que «os composteláns non buscan máis discusión política, senón un goberno que resolva problemas, dea confianza e faga que a cidade volva mirar ao futuro».
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)