Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 agosto, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, celebrou hoxe a inauguración da senda ciclista e peonil entre Santiago e O Milladoiro, unha infraestrutura que definiu como “un proxecto de cidade” e que permitirá conectar dunha maneira máis segura e sostible dous espazos que xa comparten a vida diaria de miles de persoas.
Verea, que asistiu á inauguración da senda xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lembrou que esta conexión formaba parte do proxecto co que concorreu ás eleccións municipais de 2023 e que desde entón mantivo a súa defensa incluso nos momentos nos que se cuestionou publicamente a súa viabilidade.
“En 2023 era unha proposta. Durante estes anos defendémola cando moitos dicían que non era posible. Hoxe é unha realidade. E iso é o verdadeiramente importante”, afirmou.
O líder popular sinalou que a inauguración permite deixar atrás anos de debates arredor dunha infraestrutura que considera estratéxica para a mobilidade da cidade. “Non é día de repartir razóns nin de mirar atrás. É día de celebrar que Santiago gañou unha conexión que vai quedar para todos e que vai mellorar a vida diaria de moitas persoas”.
Verea destacou tamén que o resultado final demostra que é posible avanzar respectando ao mesmo tempo o patrimonio e o medio ambiente. Durante estes anos defendeu que o proxecto debía cumprir toda a normativa, atender as preocupacións existentes e introducir as modificacións necesarias para reducir o seu impacto.
“Gobernar consiste precisamente niso: ter unha dirección clara, escoitar, mellorar os proxectos cando sexa necesario e finalmente executalos. Santiago non pode instalarse permanentemente no `non se pode´”.
Para Verea, a senda representa ademais unha determinada maneira de pensar o futuro da cidade: “un Santiago máis conectado coa súa contorna, con alternativas reais ao vehículo privado e capaz de facer compatibles modernidade e protección”.
Nese sentido, enmarcou a nova conexión na vocación atlántica e europea que defende para Santiago. “Esta é tamén unha infraestrutura europea: unha maneira europea de entender a mobilidade e o espazo público, con máis alternativas, máis conexións e máis liberdade para decidir como nos movemos. Santiago ten alma atlántica e europea e debe aspirar aos mesmos estándares das cidades máis avanzadas”.
“Hai tres anos defendín que Santiago necesitaba esta conexión. Hoxe xa podemos utilizala. Dentro de dez anos ninguén entenderá unha cidade moderna sen infraestruturas deste tipo” e concluíu “en 2023 era unha proposta. Hoxe é unha realidade. O importante é que queda para Santiago”.
Escrito por Líder Redacción
ames inauguracion o milladoiro Santiago de Compostela senda ciclista senda peonil


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)