Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón. 14-2-2025.- Xa está todo listo para dar a saída mañá sábado, 15 de febreiro, á tradicional carreira 10K, que neste 2025 chega á súa XXII edición. A proba, organizada polo Concello de Padrón, conta cun total de 1311 inscritos, dos cales 614 completarán o percorrido de 10K, 282 participarán na proba de 5K e 415 nas categorías escolares.
O inicio das probas terá lugar ás 16:00 horas no Campo do Souto, e os primeiros participantes que se porán en marcha serán os escolares de categorías de pitufos e prebenxamíns, cun recorrido curto de 60 e 300 metros, respectivamente, que abrirá a xornada. As distancias para Sub 10, Sub 12 e Sub 14 estarán entre os 600 e os 1.200 metros. Ás 16:50 horas será a saída da proba de 5K e, finalmente, as 17:40 horas comezará a carreira máis longa, a de 10K.
Este evento, consolidado como unha das citas máis destacadas do calendario atlético galego, contará con recorridos homologados pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA), e un amplo programa de premios. Haberá premios en metálico para os primeiros clasificados da carreira de 10K tanto en categoría masculina como feminina (250€ para a/o primeira/o clasificada/o, 150€ para a/o segunda/o, 75€ para a/o terceira/o e 50€ para a/o cuarta/o), ademais dun premio especial dotado con 50 euros para o/a mellor corredor/a local. Tamén levarán trofeos os tres primeiros atletas de cada categoría, os tres primeiros da clasificación absoluta, o mellor corredor local, os tres primeiros equipos, o participante de máis idade que chegue a meta (Trofeo Supermáster), o club ou colexio con máis inscritos (Trofeo Participación) e os tres primeiros das categorías sub 16, sub 18 e da 5K.
A recollida de dorsais terá lugar no pavillón do Souto, de 11:30 a 13:00 horas e a partir das 15:00 horas ata media hora antes do inicio de cada proba. Os participantes tamén disporán de servizos como duchas, gardarroupa e avituallamento durante a xornada.
Cortes de tráfico e restricións de estacionamento
O evento implicará cortes de tráfico entre as 15:30 e as 18:45 horas, afectando ás rúas Campo do Souto, Travesía Feira, Agro do Medio, Praza da Leña, Castelao, así como aos accesos, paseo e carril bici da desembocadura do río Sar. Tamén haberá restricións de estacionamento nas zonas delimitadas do Campo do Souto e Praza da Leña.
Galicia Sabe A Mar
Aproveitando a afluencia de visitantes por mor desta proba, Padrón tamén será mañá unha das paradas da campaña #GaliciaSabeAMar, unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca poñer en valor os produtos do mar galegos e o labor dos seus profesionais. Unha foodtruck ofrecerá aos asistentes unha degustación de 10 petiscos elaborados con produtos certificados do mar e da terra, permitindo aos visitantes coñecer de preto a versatilidade da nosa gastronomía e a importancia da cadea mar-industria.
O Concello de Padrón anima á cidadanía e aos visitantes a participar nesta xornada deportiva e gastronómica, que se enmarcada dentro do compromiso do goberno local pola promoción do deporte e dos hábitos de vida saudables. O percorrido, deseñado para ofrecer unha experiencia atlética e visual única, permitirá ademais aos participantes gozar das paisaxes máis emblemáticas de Padrón.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)