AD

Comarca

A 45ª Festa do Pemento de Herbón reparte catro mil quilos de produto entre milleiros de comensais

today3 agosto, 2025

Fondo
share close
AD
  • A procesión de tractores tinguiu de cor as rúas de Padrón cunha participación de récord
  • A comitiva parou na Casa do Concello para entregarlle ao alcalde, Anxo Arca, unha cesta de pementos e para facer unha ofrenda floral na Pementeira
  • A youtuber Nuska Chousa abriu a romaría cun distendido pregón e auguroulle ao pemento moitos máis séculos de éxito

Padrón. 2-8-2025.- Como cada ano, e xa van 45, Padrón volveulle render homenaxe ao pemento de Herbón no primeiro sábado de agosto. Varios milleiros de persoas se deron cita na carballeira de Herbón para participar nunha das festas con máis sona do calendario gastronómico galego, declarada de interese turístico. Repartíronse máis de 3.500 pratos con racións de pementos, cachelos e broa e, contando con toda a xente que repetiu, acabaron fritíndose ao redor de 4.000 quilos do produto gastronómico que leva o nome de Padrón polo mundo. A procesión de tractores volveu tinguir de cor as rúas padronesas cun récord de participación.

A festa comezou a coller folgos ás nove da mañá co pasarrúas do grupo de gaitas Os Mersenarios e da charanga Noroeste. Logo da misa campestre, un total de 38 vehículos agrícolas motorizados desfilaron dende Herbón ata as rúas de Padrón ben engalanados para a ocasión. Como é costume, a comitiva fixo dúas paradas no seu percorrido, a primeira na Casa do Concello, onde deixou unha cesta de pementos na mans do alcalde, Anxo Arco, que recibiu a procesión na compaña dos concelleiros Chus Campos e Luis Mariño. O segundo alto no camiño estivo destinado a facer unha ofrenda floral na estatua da Pementeira.

De regreso en Herbón, a lectura do pregón correu a cargo de Nuska Chousa, youtuber e creadora de contido dixital que conta con milleiros de seguidores interesados en receitas tradicionais e nos seus consellos para coidar da horta. Nun discurso moi persoal, Nuska recordou a súa relación con Padrón, confesou que se converteu en pementeira con só seis anos por tradición familiar e mesmo se atreveu a contar que deixa sal na parte de abaixo do recipiente no que bota os pementos ou que os cociña sen rabo. Ademais, augurou que o cultivo de pemento vai ter sen dúbida ningunha relevo xeracional e, por iso, poderemos seguir gozando do seu consumo durante moitos máis séculos.

O acto de presentación da festa serviu tamén para recoñecer a Andrés Quintá, fundador de Extrugasa, e a Chema Santiago, que exerceu de xurado, pola seu apoio á Festa do Pemento. Os tres _Nuska Chousa, Andrés Quintá e Chema Santiago_ acompañaron ao alcalde de Padrón, Anxo Arca, na entrega de trofeos aos vehículos que participaron na procesión. O primeiro premio, e polo tanto o dereito a encabezar a comitiva do ano que vén e levar o santo Antonio, recaeu na proposta número 21, que sorprendeu cunha recreación dun campo de fútbol para pementos no que non faltaba detalle.

A romaría continuou durante toda a tarde e proseguirá pola noite cunha verbena no campo de fútbol de Herbón que contará coas actuacións da orquestra Unión y Fuerza e o DJ Cachito.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *