Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 abril, 2024
María Rozas, tenente de alcaldesa do Concello de Santiago e concelleira de Xuventude, Comercio e Promoción Económica, entre outras áreas, visitou este martes os estudios da Radio Líder Santiago para revisar a actualidade local con Álvaro Veiga. Durante a entrevista, destacou o éxito dos Orzamentos Participativos na área de Xuventude, evidenciando a participación e o interese da mocidade en diferentes propostas, como a realización de cine ao aire libre, que recibiu o maior apoio. Rozas anunciou que esta será a primeira actividade en executarse a finais de xuño na Alameda. Ademais, subliñou o compromiso do departamento de Xuventude en considerar outras propostas interesantes que non foron as máis votadas, co obxectivo de integrar as necesidades e preferencias da comunidade xuvenil na programación municipal.
As propostas máis votadas, incluíndo actividades culturais, de saúde, benestar animal e música, serán executadas ao longo do presente ano. Rozas adiantou que o Concello tamén está a valorar a incorporación de distintas partidas orzamentarias noutras concellerías á luz das demandas dos cidadáns, co obxectivo de promover a participación activa da comunidade na xestión municipal.
A concelleira de Comercio tamén abordou o proxecto do antigo colexio do Peleteiro, recoñecendo o impacto negativo que o seu peche ten para o comercio do ensanche compostelán. Rozas afirmou que é crucial seguir loitando pola mellor solución para o Peleteiro, aquela que mellor se adapte ás necesidades da veciñanza. Compostela Aberta defendeu e defende un cambio de uso residencial neste mamotreto, que conte con vivenda, un dos principais problemas da cidade, incluida a de protección oficial, así como espazos dotacionais, pero «o Sareb non está disposto a asumir este proxecto». Rozas asegura que «non queremos un centro comercial, queremos un espazo para o desfrute dos veciños e das veciñas, e que inclúa vivenda», e engadiu que o Goberno municipal está comprometido a falar co Goberno central sobre este asunto para asegurar que se atendan as preocupacións e intereses da comunidade local.
A entrevista completa no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
compostela orzamentos participativos peleteiro politica radio lider santiago santiago xuventude
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)