Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• O Apalpador e Papá Noel, xuntos por primeira vez, visitarán o pavillón de San Vicenzo
• CantoEncanto, grupos de gaita e pandeireta da Escola de Música Tradicional e o Mago Paco protagonizan a programación escénica
• Unha ampla oferta de postos artesanais e produtos locais estará dispoñible para as compras de Nadal
A Baña.27-11-2024.- O domingo 15 de decembro, o pavillón municipal de San Vicenzo converterase no escenario da novena edición do Mercadiño de Nadal da Baña, unha cita consolidada no calendario local que cada ano atrae veciñanza e visitantes da comarca. Dende as 12.00 do mediodía e ata as 20.00 horas, o Concello da Baña ofrecerá unha xornada chea de artesanía, música e actividades pensadas para toda a familia, cunha especial atención á cativada.
O evento contará cun amplo programa de actividades culturais e de lecer que comezará ás 12.30 horas coa actuación de CantoEncanto, un conxunto de música tradicional local creado en 2023 que se define como “un grupo de amigos que se xuntan nas foliadas para cantar e bailar”. Ás 13.00 horas, serán os gaiteiros da Escola de Música Tradicional da Baña quen continúen coa festa. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, as pandeireteiras da mesma escola tomarán o relevo, reafirmando o compromiso co talento local e a preservación da cultura galega.
A programación inclúe tamén unha dose de maxia e fantasía co espectáculo do Mago Paco, especializado en entretemento infantil, que terá lugar ás 17.00 horas. Pero a gran novidade deste ano será a presenza conxunta, por primeira vez, de dúas figuras imprescindibles do Nadal en Galicia: o Apalpador e Papá Noel, que chegarán ás 18.00 horas para espertar a ilusión de nenas e nenos.
Ademais das actividades, o mercadiño ofrecerá unha coidada selección de postos con produtos de artesanía e delicias gastronómicas, permitíndolles ás persoas asistentes mercar agasallos únicos nun ambiente festivo e acolledor. Como en anos anteriores, habilitarase un posto de empaquetado solidario, no que quen merque no Mercadiño poderá preparar os seus agasallos ao tempo que colabora cunha causa solidaria.
A organización desta novena edición, a cargo do Concello da Baña e coa colaboración da Deputación da Coruña, busca reafirmar o Mercadiño como un evento de referencia na comarca. O pavillón de San Vicenzo converterase, un ano máis, nun punto de encontro para celebrar o Nadal en comunidade, promovendo a música, a tradición e a convivencia.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)