AD

Deputación da Coruña

A Deputación destina preto de medio millón de euros a 48 bolsas de investigación e perfeccionamento artístico

today16 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • Convócanse 20 bolsas de investigación e 28 de perfeccionamento artístico de 10.000 euros cada unha

A Coruña, 16 de marzo de 2026. A Deputación da Coruña abre hoxe o prazo para solicitar as súas bolsas destinadas a apoiar á mocidade da provincia na realización de proxectos de investigación e no perfeccionamento de estudos artísticos durante o curso 2026-2027.

Ambas convocatorias suman un orzamento total de 480.000 euros para un total de 48 bolsas de 10.000 euros cada unha. Nos últimos anos, o Goberno provincial incrementou progresivamente tanto o número de bolsas, que pasaron de 40 a 48, como a contía das mesmas, que subiu de 8.000 a 10.000 euros.

20 bolsas de investigación

Este ano convócanse 20 bolsas de investigación, que pretenden “ofrecer apoio e oportunidades aos novos talentos coruñeses en diferentes ámbitos que van desde as ciencias da saúde ás ciencias sociais e xurídicas ou as humanidades”, explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Poden optar a estas bolsas as persoas con titulación universitaria menores de 36 anos e con residencia en calquera concello da provincia da Coruña, que deberán desenvolver un traballo de investigación durante un período mínimo de nove meses.

En concreto, convócanse 5 bolsas para proxectos sobre artes e humanidades, 4 de ciencias da saúde, 5 de ciencias sociais, xurídicas ou estudos de xénero, 4 de ciencias e 2 de enxeñería e arquitectura.

28 bolsas de perfeccionamento artístico

No caso das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, a Deputación destina este ano 280.000 euros para financiar 28 axudas cunha contía de 10.000 euros cada unha.

A través destas bolsas, as persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear os gastos derivados da realización de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma de Galicia en diferentes disciplinas: audiovisual (3 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (4), música (15) e teatro e interpretación escénica (3).

Estas axudas permitirán ao alumnado da provincia da Coruña completar a súa formación artística en centros de alto nivel de fóra de Galicia. Ao longo dos anos, estas bolsas permitiron mellorar a formación de decenas de coruñeses e coruñesas en cidades como Madrid, Barcelona, Granada ou Valencia, así como en centros especializados de países como Estados Unidos, Francia, Reino Unido ou os Países Baixos.

Solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde hoxe, 16 de marzo, ata o 16 de abril.

As bases poden consultarse en:

Bases bolsas de investigación:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/03/02/2026_0000001176.html

Bases bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/03/02/2026_0000001175.html

Máis información sobre as bolsas:

https://www.dacoruna.gal/educacion/bolsas

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *