AD

Comarca

A Estrada acolle un Encontro Internacional sobre Hórreos do 27 ao 29 de setembro

today23 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD
  • Investigadores e especialistas locais e internacionais trazarán o camiño da preservación e revitalización deste pratrimonio, considerado en  Galicia como “un símbolo profundo da nosa identidade cultural e paisaxística”
  • Carlos Henrique Fernández Coto, presidente da Red Internacional Horrea de Graneros Elevados Tradicionales: “Promover o orgullo de ter un hórreo é unha excelente forma de revitalizar a súa importancia. Non debe verse como unha carga, senón como un activo valioso que aporta un plus á herdanza cultural e familiar”

A Red Internacional Horrea de Graneros Elevados Tradicionales organiza entre o 27 e o 29 de setembro o Encontro Internacional sobre Graneros Elevados (hórreos). O congreso celebrarase no Museo do Moble e da Madeira (MOME) da Estrada (avenida Benito Vigo, 92), co patrocinio do Concello da Estrada e o apoio da Xunta de Galicia.

Este é o terceiro encontro internacional da Red Internacional Horrea, tralos celebrados en Arcos de Valdevez (Portugal) e Candás en Asturias, e o primeiro que acolle Galicia. A xuntanza ten o obxecto de fomentar o debate ao redor dos hórreos e analizar a súa evolución e conservación, un ben patrimonial de gran valor presente en diferentes territorios –Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra, León e Portugal, e con menos presenza noutros puntos fóra da península ibérica como os Alpes, Suíza, Turquía, México ou Brasil–.

Investigadores e especialistas locais e internacionais participarán no evento co fin de xerar unha plataforma para analizar as variacións e o desenvolvemento destas construcións en diferentes países. Os relatores compartirán coñecementos e perspectivas sobre o estado e o futuro dos hórreos e expoñerán novas ideas e proxectos para a súa conservación, unhas sinerxías que alimentarán expectativas locais e promoverán o desenvolvemento de iniciativas que poderán asegurar a preservación e valorización dos hórreos.

O presidente da Red Internacional Horrea de Graneros Elevados Tradicionales, Carlos Henrique Fernández Coto, explica que en Galicia e en Asturias o hórreo é máis que unha sinxela construción, “é un símbolo profundo da nosa identidade cultural e paisaxística”. Pero co paso do tempo, Coto sinala que se está experimentando un cambio de paradigma na relación con estes elementos. “O hórreo xa non se usa para almacenar gran, o que provoca certa desconexión, mesmo chegando a considerarse un estorbo máis que un ben patrimonial. É fundamental modificar esta visión e crear unha estratexia clara que permita seguir valorando e difundindo a súa importancia dentro da nosa cultura e paisaxe” –argumenta–.

Por rexións, Fernández Coto sinala que en Asturias están librando unha loita constante pola protección dos hórreos e explorando ideas innovadoras para convertelos en vivendas ou adaptalos ao turismo rural como aloxamentos que poden ofrecer unha experiencia auténtica; en Cantabria só quedan uns poucos exemplares e os esforzos céntranse na súa recuperación e preservación para que non desaparezan por completo; en Euskadi e Navarra, a protección é rigorosa e os hórreos incorporáronse ás rutas turísticas, xerando unha apreciación renovada do seu valor histórico e cultural; en Portugal estase loitando por lograr o mesmo nivel de protección que existe en Galicia; e xa na comunidade galega o principal escollo é de índole cultural, xa que os hórreos son abandonados, están en desuso, ou mesmo véndense para ser trasladados a urbanizacións onde perden a súa función orixinal para acabar como meras pezas decorativas. “Este fenómeno galego ameaza con despoxar aos hórreos da súa autenticidade, polo que é urxente fixar unha estratexia que os revalorice, non só como obxectos do pasado, senón como elementos clave da nosa identidade que merecen un lugar no noso presente e futuro” –subliña o presidente da Red Internacional Horrea–.

Fernández Coto sinala outras actuacións moi preocupantes que están a acontecer en Galicia e que banalizan os hórreos. Explica que algúns propietarios teñen ocurrencias que mesmo son de mal gusto e pouco respectuosas con estas construcións, sobre todo orientadas a usos turísticos, e en moitas ocasións de carácter fetichista ou enxebre.

Para mudar este tipo de actuacións, Fernández Coto argumenta que é preciso que os propietarios vexan o hórreo como algo máis que unha sinxela estrutura, e o conciban como un elemento esencial dunha casa labriega e un símbolo clave da soberanía alimentaria tradicional. “Desvincular o hórreo do seu contexto é perder parte do seu valor integral, non só como patrimonio, senón como testemuño da soberanía alimentaria e o enxeño rural. Promover o orgullo de ter un hórreo, como se fai en Asturias, é unha excelente forma de revitalizar a súa importancia. Non debe verse como unha carga, senón como un activo valioso que aporta un plus á herdanza cultural e familiar”, matiza. Para alcanzar esta revalorización, o presidente da Red Internacional Horrea asegura que é fundamental educar e sensibilizar á sociedade sobre as posibles utilidades dun hórreo na actualidade, con diferentes usos contemporáneos que van desde pequenos espazos de traballo, talleres, almacéns para produtos artesanais ou mesmo lugares de descanso ou encontro social, adaptados sempre de maneira respectuosa.

Declaración de Patrimionio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO

Os hórreos alcanzaron xa un logro significativo en España, a declaración de «Manifestación Representativa del Patrimonio Cultural Inmaterial”, un primeiro paso crucial na protección e recoñecemento deste patrimonio. O seguinte gran reto é levar esta iniciativa máis allá, promovendo unha candidatura internacional para a declaración de Patrimionio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO para o que será esencial a colaboración entre varios países. “Este recoñecemento axudaría a protexer o seu valor patrimonial e destacaría a súa importancia como símbolo cultural compartido entre distintos territorios, transmitindo ás futuras xeracións a súa importancia como parte esencial da historia e da vida rural da península ibérica” –apunta Fernández Coto–.

Internacionalización da Red Internacional Horrea

A Red Internacional Horrea de Graneros Elevados Tradicionales consolidouse en 2023 en Candás e, desde entón, comezou a tomar medidas importantes para promover e protexer os hórreos a nivel global. Co asesoramento da Red, Portugal está avanzando na catalogación e proposta de protección dos seus hórreos, o Goberno do Principado de Asturias traballa na identificación dos hórreos que deben ser declarados Ben de Interese Cultural (BIC) para garantir un marco legal de conservación, e Cantabria recupera as poucas tipoloxías de hórreo que aínda se conservan para evitar a súa desaparición.

A medio prazo a Red seguirá un enfoque interdisciplinar e colaborativo, por exemplo coa particpación de universidades portuguesas e organismos especializados en arquitectura popular de distintos países para xerar novo coñecemento e financiar proxectos innovadores.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%