Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 septiembre, 2025
Da man da Fundación Rosalía de Castro, a Praza da Constitución da Estrada acolle dende hoxe luns, 15 de setembro, a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, una mostra a ceo aberto que estará instalada aos pés do consistorio estradense ata o día 30 deste mes.
Comisariada por Pepe Barro, a mostra fai un repaso pola historia desta Casa-Museo, que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971 -en pleno franquismo- grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa.
Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia, a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración. Uníronse máis de 70 concellos, varios bancos e innumerables asociacións de todo o país.
A exposición foi inaugurada na Coruña en novembro de 2021 e, dende entón, leva itinerando por máis de 20 cidades e vilas galegas, chegando tamén á portuguesa Braga.
Arredor dunha estrutura de aluminio encrucillada, a mostra presentará imaxes de gran formato e breves textos, de xeito que a historia da casa quede artellada en seis capítulos: A Casa e o tren ( os motivos detrás da elección da morada), Rosalía na Casa (a escritora vive alí entre 1882 e 1885), Unha casa santuario (as iniciativas da compra 1900-1940), A causa da Casa (Xosé Mosquera e a compra en 1946), O Padroado da Casa (Galeguistas, progresistas e ‘ben vistos’), A Casa de Galicia (entre 1971 e 1972, coas achegas de miles de galegos e galegas de todo o país e da emigración ábrese a casa).
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)