AD

Actualidad

A Estrada duplicará o solo industrial e humanizará o seu rural cun investimento de 6M€

today24 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde da Estrada fai balance do verán, anuncia novas infraestruturas e proxectos estratéxicos para o rural e o tecido empresarial do municipio

Nunha entrevista concedida a Radio Líder Santiago, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, expuxo con detalle os retos e avances do Concello neste inicio de curso político. Louzao puxo o foco en tres eixos fundamentais: a prevención dos incendios forestais, a creación de solo industrial vinculado á nova autovía e a transformación do rural grazas aos fondos europeos.

Un dos puntos máis salientables foi a xestión da prevención de lumes tras os incendios que asolaron Galicia durante o verán. “Fixemos os deberes. Mandamos 10.000 requerimentos a propietarios para limpar as parcelas, e imos seguir facendo inspeccións. A lei é clara: se non cumpren, haberá sancións e execución subsidiaria”, advertiu o rexedor. Tamén destacou que a Estrada é “o concello con máis faixas de protección de incendios de España, con 473 núcleos en 51 parroquias”.

Pero a entrevista non se limitou á cuestión forestal. Louzao anunciou importantes avances na autovía que conectará co polígono industrial de Toedo, co obxectivo de duplicar a súa superficie actual. “É unha oportunidade histórica para atraer empresas e crear emprego local. O solo público adaptarase á carta ás necesidades de cada empresa”, sinalou. A Xunta de Galicia destinará 70 millóns de euros á segunda fase da autovía e 6 millóns ao novo solo industrial.

Outro anuncio relevante foi a solicitude de 6 millóns de euros de fondos europeos exclusivamente para humanizacións no rural. “Queremos mellorar as condicións de vida nas parroquias: anchos, pluviais, paradas de bus, recollida de lixo, calmado de tráfico…. O rural ten que ser unha oportunidade e non unha desvantaxe”, destacou Louzao.

No casco urbano, tamén haberá transformación: adxudicaranse de inmediato as obras de peonalización da Praza de Galicia, que se executarán en dúas fases para evitar prexuízos durante a campaña de Nadal. Ademais, o alcalde confirmou melloras en infraestruturas deportivas, como o campo Manuel Regueiro e o tapete do Estadio Municipal, sinalando o turismo deportivo como motor económico.

En clave política, Louzao afirmou que se presentará á reelección como presidente local do Partido Popular no próximo congreso do 19 de outubro. “Quero ser útil para os meus veciños. Mentres o sexa, seguirei traballando con toda a forza que teño”, sentenciou.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *