AD

Actualidad

A Estrada habilita dúas vivendas de emerxencia social

today6 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

A Estrada, 6 de decembro de 2025.- O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitou o pasado venres as obras realizadas na antiga casa escola da parroquia de Cora, que permitiron habilitar dúas vivendas destinadas a emerxencia social. Na visita estivo acompañado polas concelleiras Amalia Goldar e Mari Carmen Durán, así como polo arquitecto técnico municipal e o responsable da empresa encargada dos traballos. O rexedor puido comprobar de primeira man o alto nivel de coidado e confort da reforma.

A actuación contou cun investimento total de 85.000 euros, dos que arredor de 72.000 euros proceden dunha axuda da Dirección Xeral de Inclusión Social, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade, ao abeiro do programa de rehabilitación ou equipamento de vivendas municipais dirixidas á atención a persoas sen fogar para o período 2024-2025, enmarcado no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea.

As vivendas, de distribución idéntica, están xa completamente reformadas e equipadas. Contan con cociña totalmente amoblada e con electrodomésticos, armarios nos dormitorios, mesa con catro cadeiras, estufa de pellets, así como carpintarías exteriores e interiores novas e instalacións eléctricas e de fontanería renovadas. Só resta engadir algunhas pezas adicionais de mobiliario para completar o acondicionamento.

Esta intervención dá continuidade ao aproveitamento das antigas escolas unitarias situadas no rural estradense, moitas delas con dúas plantas e que no seu día servían como centro educativo e vivenda para o profesorado. Aínda que na actualidade os locais da planta baixa se empregan como locais sociais, as vivendas do piso superior permanecían xeralmente en desuso e, nalgúns casos, en estado de abandono.

O proxecto impulsado polo Concello contemplou a retirada das antigas instalacións, a demolición de alicatados e solados deteriorados, a renovación completa de baños e cociñas e a colocación de nova pavimentación cerámica en toda a superficie. Procedeuse ademais ao saneado e pintado de paredes e teitos, completando así unha rehabilitación integral.

Autorización e regulamento de uso

A concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, explicou que o Concello tramita actualmente coa Consellería de Política Social a autorización como Centro de Iniciativa Social. Paralelamente, o departamento xa elaborou un borrador de instrución interna que recolle as bases para a utilización destas vivendas.

Goldar avanzou que se está a preparar un regulamento específico no que se establecerán os criterios e obrigas de acceso a este recurso, que terá carácter sempre temporal. As vivendas están pensadas para persoas que, nun momento determinado, carecen dun fogar que lles permita avanzar cara a unha plena integración laboral e social. A ocupación estará en todo momento supervisada e informada pola unidade técnica de Servizos Sociais, garantindo así un uso adecuado e orientado á recuperación da autonomía persoal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *