AD

Comarca

A Estrada habilitará unha área pública para o estacionamento de camións

today7 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

A Estrada, 7 de febreiro de 2026.– O Concello da Estrada dará resposta a unha demanda histórica do sector do transporte coa creación dunha área pública de estacionamento para camións, que estará situada na explanada posterior da estación de autobuses. A nova dotación permitirá retirar os vehículos pesados das rúas nas que habitualmente estacionan e mellorar así a convivencia e a seguridade viaria no casco urbano.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, anunciou hoxe que xa se deron os primeiros pasos para a posta en marcha desta infraestrutura, que contará cun investimento superior aos 60.000 euros, financiados integramente con fondos do programa +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Segundo explicou o rexedor, a planificación desta área realizouse tras manter varias reunións con representantes do sector do transporte, co obxectivo de adaptar a actuación ás súas necesidades reais. Louzao lembrou que o goberno municipal vén apostando de maneira decidida pola creación de espazos de estacionamento, con máis de 1.000 prazas habilitadas en distintas bolsas disuasorias e céntricas, co fin de facilitar o acceso á oferta comercial e aos servizos públicos da vila. “Do mesmo xeito que pensamos nos turismos, temos que dar resposta ás necesidades dos transportistas”, subliñou.

A parcela elixida conta cunha superficie aproximada de 4.400 metros cadrados, bos accesos e unha localización céntrica, e atópase actualmente en desuso. Nela habilitaranse e sinalizaranse 25 prazas de aparcamento específicas para camións.

O proxecto inclúe a reposición do peche perimetral do recinto e a instalación dun portal de acceso controlado mediante tarxeta. Estas tarxetas deberán ser solicitadas no Concello e permitirán un uso exclusivo da área aos transportistas estradenses. Ademais, instalaranse torres de iluminación e un sistema de videovixilancia co obxectivo de incrementar a seguridade dos vehículos estacionados.

“Buscamos atender unha demanda histórica dun sector produtivo clave para este concello. Cada día saen ás estradas a traballar e cada noite necesitan un espazo seguro para os seus camións, que non xere molestias á veciñanza”, concluíu o alcalde.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *