Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 enero, 2026
A Estrada, 8 de xaneiro de 2026.- Antes mesmo de saborear o turrón, o Concello da Estrada comezou a preparar o Entroido 2026. Con estas celebracións practicamente a un mes vista, resulta preciso avanzar na organización dunha das festas máis importantes do calendario local.
A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, mantivo xa reunións con representantes de distintas parroquias en relación á súa participación na vertente máis tradicional do Entroido, que se deixará sentir nas rúas da capital estradense o martes 17 de febreiro, xornada que este ano será ademais festivo local no municipio.
As principais novidades chegan, non obstante, co desfile do luns 16 de febreiro, para o que o Concello decidiu incrementar notablemente os premios en metálico. Así, os 2.860 euros repartidos no ano 2025 increméntanse en 3.000 euros, ata acadar un total de 5.860 euros.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e a concelleira de Cultura explicaron que esta medida busca fomentar a participación das grandes e vistosas comparsas, conscientes do importante esforzo económico que realizan estes grupos, moitas veces chegados doutros concellos e con elevado número de integrantes.
O desfile do luns de Entroido, que sairá ás 16.30 horas da Rúa Antón Losada Diéguez, contará cos seguintes premios:
GRUPOS
1º premio: 2.000 euros (antes 1.200 €)
2º premio: 1.500 euros (antes 600 €)
3º premio: 1.000 euros (antes 300 €)
4º premio: 500 euros (antes 150 €)
5º premio (grupos locais): 450 euros (antes 200 €)
INDIVIDUAL (premios únicos)
Infantil (ata 14 anos): 90 euros
Adulto: 120 euros
PARELLA: 150 euros
MASCOTAS: 50 euros e un saco de penso doado polo establecemento 4Canciños.
No tocante ao día máis tradicional do Entroido estradense, Lucía Seoane informou de que o luns 26 de xaneiro celebrarase unha nova reunión coas parroquias e agrupacións locais interesadas en participar no desfile do martes 17 de febreiro.
As entidades que aínda non se inscribiron están a tempo de facelo, debendo contactar coa Alcaldía do Concello da Estrada antes do día 26, xa que a reunión servirá para pechar os detalles organizativos.
Cada unha das agrupacións participantes percibirá unha achega de 700 euros, sempre que cumpra cos seguintes requisitos:
Estar formada por un mínimo de 10 persoas.
Levar unha carroza (non é preciso que sexa un camión).
Achegar ambientación musical, ruído ou unha temática libre.
A maiores, o martes de Entroido desfilarán pola Estrada os Xenerais de Santa Cristina de Vea, unha das manifestacións máis singulares e recoñecidas do Entroido tradicional no municipio.
A programación completarase co Sábado de Entroido, unha xornada pensada especialmente para o público familiar, con actividades de animación, propostas infantís e ambiente festivo no casco urbano. Desde o Concello avanzaron que nos vindeiros días se dará a coñecer o programa detallado desta xornada, así como o conxunto de actividades previstas para o Entroido 2026.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)