AD

Comarca

A Estrada sumarase á Mancomunidade Deza-Tabeirós en 2026

today4 junio, 2025

Fondo
share close
AD

 

  • “O que nos une é mellorar os servizos que temos sen repercutirllo aos cidadáns”, sinalou o alcalde estradense.
  • Gonzalo Louzao defende que a entrada do Concello da Estrada nesta mancomunidade permitiralle aspirar a recursos exclusivamente reservados a entes de xestión conxunta e carácter supramunicipal.
  • “Son millóns de euros que chegan directamente aos concellos e que non virían doutra maneira”, apuntou o dirixente.
  •  O mandatario agradeceu a “xentileza” da Mancomunidade do Deza: “puideron mellorar a súa agrupación pero tiveron a sensibilidade de facelo integrando a nosa comarca para afrontar problemas que compartimos”, dixo.

A Estrada, 4 de xuño de 2025.- Xa dende A Estrada e co pouso que deixan as reunións e visitas celebradas estes días, o xefe do executivo local, Gonzalo Louzao Dono, profundou hoxe na pretensión de que este Concello se incorpore á mancomunidade Deza-Tabeirós. Indicou o alcalde que a suma do municipio estradense a este ente concretarase co ano natural, de xeito que será en 2026 cando se produza esta entrada e logo de modificar os estatutos de actual Mancomunidade do Deza.

Indicou tamén Louzao Dono que observa neste ente as vantaxes de que A Estrada e os demais municipios adheridos poidan acceder de xeito conxunto a novas liñas de recursos que os axuden a afrontar problemas que teñen en común, citando entre eles dous dos principais cabalos de batalla que afogan cada ano os os orzamentos municipais: a crecente atención do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que cada ano reclama máis recursos e o complexo mantemento dunha rede viaria moi extensa, en municipios cunha base territorial moi ampla.

O alcalde da Estrada fixo un satisfactorio balance da reunión que os alcaldes destes concellos mantiveron co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. “Son conscientes de que é moi difícil planificar fusións de concellos e non estamos falando dunha zona territorial acuciada por un problema de poboación”, sinalou o mandatario estradense.

“Únennos as cores dos intereses dos concellos e alí estabamos sentados en buscar melloras para os nosos municipios alcaldes de todas as cores políticas. O que nos une é mellorar os servizos que temos sen repercutirllo aos cidadáns, sen ir ao máis fácil que sería subir os impostos para dar mantido os servizos que xa temos”, sinalou o rexedor.

“O que temos que facer é aproveitar as economías de escala de que sexamos máis. Moito territorio e moita poboación fai que obteñamos mellores resultados nas contratacións de servizos e tamén á hora de afrontar problemas que temos en común”, engadiu.

Foi entón cando o dirixente observou que as dúas principais problemáticas comúns a concellos como A Estrada e Lalín, e que fixo extensivos aos demais da zona, son “o mantemento dunha rede viaria que se volve insostible para concellos con moitísima poboación e pouca densidade“ e tamén servizos como o SAF, “que decae nos concellos e que cada vez son máis difíciles de asumir coa suba das horas”.

Copiar “dos mellores”

“Nacemos querendo copiar dos mellores, dos que funcionan, dos que xestionan máis de 9 millóns de euros como a Mancomunidade do Salnés, e con practicamente menos do 20% aportado polos concellos e xestionado liñas de subvencións ás que non teríamos acceso se non nos agrupamos”, manifestou hoxe Gonzalo Louzao.

O alcalde da Estrada quixo facer fincapé en que a entrada do Concello estradense nesta mancomunidade permitiríalle aspirar a recursos europeos, estatais e autonómicos que están reservados a entes de xestión conxunta e carácter supramunicipal. “Son millóns de euros que chegan directamente aos concellos e que non virían doutra maneira. Os plans individuais dos concellos van seguir chegando, pero estes son recursos que chegan para propostas de xestión conxunta de servizos como estas fórmulas das mancomunidades”, recalcou.

Por outra parte, Gonzalo Louzao apuntou a que a intención da reunión deste martes cos dirixentes autonómicos tivo como finalidade “comunicarlle á Xunta que o centro de Pontevedra quere buscar unha fórmula que quere apoio” e, asemade, recabar a súa orientación. O mandatario local indicou que dende San Caetano se lles brindaron “dous ingredientes de éxito”: o primeiro viría da man dos integrantes, “que teñan a bandeira dos problemas comúns e que non fagan política”, e, o segundo, que sexa “un espazo con profesionais á fronte”.

O alcalde estradense non quixo deixar pasar a ocasión de agradecer á Mancomunidade de Deza a súa “xentileza”. “Puideron mellorar a súa agrupación, pero tiveron a sensibilidade de facelo integrando á comarca de Tabeirós-Terra de Montes porque xuntos podemos obter beneficios para os problemas que compartimos”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *