Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• Os atuendos propios destas datas puxeron a nota de cor nun percorrido de ao redor de 9 quilómetros por distintas paraxes do municipio
• Os peques gozaron dunha xincana infantil no Paseo do Espolón
• Ao remate da proba, os asistentes compartiron unha chocolatada e participaron no sorteo de distintos agasallos
Padrón. 27-12-2025.- Preto de 200 persoas participaron esta mañá na primera Papanoelada Ciclista de Padrón. A cita reuniu persoas de todas as idades, con moitas familias e o concelleiro de Deportes Luis Mariño entre os asistentes, dispostas a gozar dunha actividade deportiva e festiva ao aire libre nunha mañá de frío pero na que luciu o sol. Os disfraces e atuendos propios destas datas puxeron a nota de cor e animaron a xornada, remarcando o seu carácter festivo.
O día solleiro foi o acompañante perfecto para pedalear e facer algo de exercicio percorrendo distintas paraxes do municipio padronés nun itinerario de ao redor de 9 quilómetros con saída e meta no Espolón e co alcalde de Padrón, Anxo Arca, entre o público que seguiu o desenvolvemento da carreira. A maiores, os máis peques puideron gozar dunha xincana infantil que lle deu dúas voltas ao paseo.
Ao remate da Papanoelada, todos os ciclistas tiveron ocasión de compartir unha chocolatada con rosca que serviu para quentar o corpo e recuperar forzas. Ademais, participaron en distintos sorteos de agasallos relacionados co mundo da bicicleta, doados polo Club Ciclista Padronés Cortizo, así como dunha cesta de Nadal ofrecida pola empresa de telecomunicacións Fibritel.
O Concello de Padrón quere agradecer a colaboración da Policía Local e de Protección Civil, que acompañaron a proba para garantir o seu bo desenvolvemento e a seguridade das persoas participantes.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)