AD

Comarca

A Mancomunidade Barbanza Arousa presenta o seu Plan de Promoción Turística para 2025

today14 mayo, 2025

Fondo
share close
AD
  • A presentación incliu unha curtametraxe, un coloquio con representantes do sector e unha degustación de produtos locais para reforzar a identidade turística da comarca

O Pazo do Martelo, en Rianxo, acolleu este martes 13 de maio a presentación oficial do Plan de Promoción Turística da Mancomunidade Barbanza Arousa para o ano 2025. A entidade, conformada polos concellos de Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Ribeira, reuniu representantes institucionais e empresariais do sector para dar a coñecer as liñas mestras coas que busca impulsar o destino ao longo do vindeiro ano.

O acto comezaba ás 20.00 horas coa estrea da curtametraxe Sempre quereremos volver, unha peza audiovisual asinada polo director Lesmes Iglesias e financiada pola Xunta de Galicia, que pon en valor a esencia e os atractivos do territorio.

De seguido, celebrouse unha mesa redonda baixo o título A Promoción Turística do Destino, na que se abordaron cuestións clave para o desenvolvemento turístico da zona. O coloquio contou coa participación de figuras destacadas como Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; e representantes do sector enogastronómico local como César Crusat, da adega Entre Os Ríos, e Alberto Carou, do restaurante O Curral do Marqués. A moderación correu a cargo de Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade.

Durante o debate, púxose o foco na importancia da colaboración entre administracións e empresas para potenciar a proxección do destino. Entre as ideas máis destacadas, subliñouse a necesidade de ofrecer experiencias auténticas e de calidade como ferramenta de atracción turística. “A autenticidade é un recurso turístico de primeira orde”, sinalou Merelles, mentres que Regueira destacou que “o turismo son os empresarios que xeran oportunidades e benestar”.

Cesáreo Pardal insistiu tamén na relevancia do traballo conxunto entre o público e o privado, sempre orientado cara á excelencia. Pola súa parte, os empresarios locais puxeron en valor a súa participación en iniciativas como o proxecto SICTED, impulsado pola propia mancomunidade, que permite mellorar a calidade dos servizos ofrecidos.

O evento contou coa presenza institucional de José Carlos Vidal, vicepresidente da mancomunidade e alcalde da Pobra, e José Ramón Romero, alcalde de Boiro, ademais de representantes municipais e técnicos dos catro concellos implicados.

A xornada pechouse coa intervención de Julián Bustelo, presidente da Mancomunidade e alcalde de Rianxo, quen agradeceu a implicación de todos os axentes participantes antes de dar paso a unha degustación de produtos locais e viños con selo da IXP Barbanza e Iria, completando así unha noite de posta en valor do territorio e de impulso ao turismo da comarca.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *