AD

Actualidad

A S.R. Calo impulsa unha San Silvestre solidaria para levar un campus inclusivo a nenos de Kenia

today5 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

A parroquia teense de Calo xa se prepara para celebrar o vindeiro 27 de decembro, ás 16:30 horas, a II San Silvestre Solidaria Sociedade Recreativa Calo, unha carreira festiva e familiar que combina deporte, Nadal e solidariedade. A cita, que partirá do campo de fútbol de Rebordelo, propón un percorrido de 4 quilómetros apto para todas as idades: nenos, maiores, mascotas e mesmo carriños de bebé. A organización anima tamén a participar disfrazado, mantendo así o espírito lúdico propio destas datas.

As inscricións poden realizarse en www.emesports.es por un prezo de 6 euros, dos que 4 euros serán destinados ao MAM Project, iniciativa solidaria que permitirá organizar un campus de fútbol inclusivo en Ukunda (Kenia) entre o 24 de febreiro e o 5 de marzo de 2026. Monitores do S.R. Calo viaxarán ata alí para ofrecer actividades deportivas e de acompañamento a nenos e nenas con parálise cerebral, así como ás súas familias. “A idea é levar fútbol, coidado e alegría a quen máis o precisa”, destaca a organización.

A carreira contará con premios ao primeiro clasificado, ao mellor disfrace —tanto individual como de grupo—, á mellor familia caracterizada e ao grupo máis numeroso. A iniciativa, que conta coa colaboración de diversas entidades e empresas locais, reafirma o compromiso da comunidade de Calo coa inclusión e a solidariedade.

Desde a organización destacan que cada dorsal supón “un gran paso para construír inclusión, apoio e esperanza”, convertendo esta San Silvestre nun evento que vai moito máis alá do deporte.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *