AD

Comarca

A San Silvestre Padronesa despedirá o ano cunha carreira solidaria de 5,7 quilómetros

today9 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

O Concello de Padrón convoca novamente á cidadanía a participar na San Silvestre Padronesa 2025, unha cita deportiva xa consolidada no municipio e que combina exercicio, convivencia e solidariedade. A proba, non competitiva e aberta a todas as idades, celebrarase o mércores 31 de decembro ás 17:00 horas.

O percorrido, duns 5,7 quilómetros, partirá do Paseo do Espolón, lugar onde tamén se realizarán as inscricións entre as 15:45 horas e 10 minutos antes do inicio. A organización lembra que a carreira pode facerse camiñando, correndo ou en bicicleta, promovendo así a participación familiar. As persoas menores deberán ir acompañadas por un adulto responsable.

Como cada ano, a San Silvestre mantén o seu marcado carácter solidario. Para inscribirse, cada participante deberá achegar un quilo de alimento non perecedoiro, que será destinado a entidades sociais do municipio. Ao remate da proba, todas as persoas participantes serán agasalladas cun tradicional chocolate con churros, un momento de convivencia que contribúe a pechar o ano nun ambiente festivo e comunitario.

A carreira está organizada polo Concello de Padrón, en colaboración con Cáritas Padrón, o Club Ciclista Padronés Cortizo, Protección Civil e a Deputación da Coruña. Desde o consistorio destacan que esta actividade forma parte da programación de Nadal e reflicte o compromiso municipal coa vida saudable, o deporte e a participación veciñal.

Para máis información, a veciñanza pode contactar coa Oficina de Deportes do Centro Social no teléfono 981 811 329.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *