AD

Actualidad

VIDEO | A segunda edición de Baila con Ames contará con 3.900 euros en premios

today21 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

Hoxe presentouse a segunda edición do concurso Baila con Ames, un certame que tivo a súa estrea no verán de 2024 e contou cunha gran acollida entre o público amesán

Este ano repartiranse 3.900 euros en premios e haberá tres categorías de participación: individual, parellas ou tríos e grupos (de 4 a 12 persoas) e, ademais, cada bailarín só poderá participar nunha única actuación por categoría

A fase de selección celebrarase no Milladoiro o vindeiro 28 de xuño, mentres que a final será o 18 de xullo en Bertamiráns, a partir das 18.00 horas

Ames, 21 de maio de 2025.- O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, presentou na mañá de hoxe unha nova edición do concurso Baila con Ames. Haberá tres categorías de participación: individual, parellas ou tríos e grupos (de 4 a 12 persoas). Non hai límite de idade para participar. Para participar, é preciso enviar a ficha de participación e os anexos cubertos a través da Sede electrónica xunto cun vídeo  casting e xustificante de rexistro ao enderezo amesnarua@gmail.com. Repartiranse 3.900 euros en premios. As inscricións estarán abertas dende o día seguinte da publicación das bases do concurso no BOP ata o 15 de xuño. A fase de preselección realizarase no Milladoiro o vindeiro 28 de xuño, mentres que a fase final do concurso será en Bertamiráns o 18 de xullo.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu na mañá de hoxe a presentación da segunda edición do concurso Baila con Ames. O certame, organizado polo Concello de Ames e que conta coa colaboración da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e a Xuntanza de Empresarios de Ames (Xea), tivo a súa estrea no verán de 2024 e gozou de gran acollida entre o público amesán.

Á presentación asistiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames, Ramón Cordido, e unha das integrantes do xurado Baila con Ames, profesora e instrutora de bailes latinos, Magaly Balsa Vilas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Beléz Paz, explicou que “nesta segunda edición, cada bailarín só poderá participar nunha única actuación por categoría e, como novidade, incluímos unha categoría máis con respecto ao ano pasado que é a de parellas e tríos. Hai unha gran expectación e interese polo concurso e esperemos que axude a dinamizar o comercio e hostalería local”.

Pola súa banda, o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames, Ramón Cordido, destacou que “ademais dos premios xa establecidos por cada categoría, haberá un premio especial XEA para colaborar con esta iniciativa que de seguro vai dinamizar o comercio local de Ames”.

Así mesmo, unha das integrantes do xurado do certame, profesora e instrutora de bailes latinos, Magaly Balsa Vilas, subliñou que “estamos moi contentas de formar parte desta segunda edición do Baila con Ames na que hai moita ilusión por participar, sobre todo dende as academias de baile, que veñen preguntando polo certame dende hai unhas semanas”.

Categorías e premios

Este ano haberá tres categorías no concurso, incorporando como novidade unha categoría de parellas ou tríos. Deste xeito, establécese unha primeira categoría individual, unha segunda categoría de parellas ou tríos (dirixida a formacións de 2 ou 3 persoas como máximo) e unha terceira categoría de grupos (para formacións de mínimo 4 persoas e un máximo de 12).

Así mesmo, só se admitirá un bailarín por categoría e non haberá distinción por idades ou niveis. No caso de que haxa menos de tres participantes inscritos nunha categoría, considerarase como deserta e os bailaríns xa inscritos só poderán participar a modo de exhibición.

En canto aos premios, repartirase un total de 3.900 euros en premios. Na categoría individual repartiranse 800€: 500 euros para o primeiro premio, 200 para o segundo e 100 para o terceiro. En canto á categoría de parellas ou tríos, repartiranse en total 1.300€: os gañadores do primeiro premio recibirán 1.000 euros, mentres que o segundo premio serán 200€ e, finalmente, 100€  para o terceiro premio. Por último, na categoría de grupos repartiranse 1.800€: para o primeiro premio destinaranse 1.500 euros, mentres que a contía para o segundo e terceiro premio serán 200 e 100 euros respectivamente.

Ademais das contías económicas, os gañadores do primeiro premio de cada categoría recibirán unha cesta saudable composta por produtos locais e de tempada, xunto cun vídeo que recollerá imaxes e momentos destacados do certame. Así mesmo, os gañadores de cada categoría comprometeranse a participar como actuación convidada nas Prebadaladas de Ames 2025.

Inscrición para participar

As persoas interesadas en participar poderán presentar a ficha de participación cuberta e os anexos pertinentes de forma telemática, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou de forma presencial nas oficinas de rexistro do Concello de Ames. Unha vez enviada a solicitude por calquera deses medios, deberá remitirse ao correo amesnarua@gmail.com unha copia do xustificante de presentación da solicitude xunto co video de participación (en formato MP4).

Na semana do 16 de xuño, comunicaráselles a través do correo electrónico a todas as persoas participantes a condición de candidatos ou non para as seguintes fases. A continuación, o xurado seleccionará entre os vídeos recibidos un mínimo de tres e un máximo de quince participantes por cada categoría. No caso de non alcanzarse o mínimo de tres participantes nunha categoría, esta quedará declarada deserta, aínda que permitirá a participación fóra de concurso e a modo de exhibición.

Así mesmo, as persoas seleccionadas para participar no certame terán de prazo ata o 23 de xuño para enviar ao correo electrónico amesnarua@gmail.com o arquivo mp3 co tema musical que empregarán na primeira fase de exhibición.

Fases do concurso e xurado

A xornada de selección celebrarase no Milladoiro o 28 de xuño, ás 18.00 horas. Nesta fase, o xurado seleccionará un máximo total de 21 participantes entre todas as categorías. Tras todas as exhibicións, comunicarase a listaxe de persoas clasificadas para a fase final. As persoas clasificadas poderán enviar ata o 14 de xullo a pista musical escollida para a derradeira exhibición

Por outra banda, a fase final terá lugar en Bertamiráns o 18 de xullo, tamén ás 18.00 horas. Nesta cita, os 21 seleccionados interpretarán un baile por categoría. O xurado emitirá o seu veredicto ao final da xornada. Cómpre destacar que non se admitirán cambios nos temas musicais fóra dos prazos establecidos.

O xurado será o mesmo que o da pasada edición, e estará composto por tres profesionais do mundo da danza: Daniela Filloy Posada, profesora e instrutora de baile moderno, danzas urbanas, pilates e ioga; Magaly Balsa Vilas, profesora e instrutora de bailes latinos especializada neste estilo dende hai décadas; e María Iglesias Bermúdez, profesional con formación en amplos xéneros de danza como clásica, jazz contemporáneo ou ballet.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *