AD

Actualidad

A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle será unha realidade no verán de 2026

today18 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

O acordo, asinado hoxe polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, establece que a institución provincial execute as obras do segundo tramo deste itinerario, que van dende o camiño das Pereiras ata a localidade de Ramelle, todo dentro do termo municipal compostelán. A actuación, orzada en 833.391 euros — dos cales a Deputación aportará 531.539 — consiste esencialmente na adecuación do treito de case 5 quilómetros e a súa contorna para o seu uso como vía de mobilidade peonil e ciclista.

Este é un dos últimos pasos para completar os 36 quilómetros da Vía Verde, pois só faltan por completarse outros dous treitos, ambos no Concello de Santiago. O primeiro deles, entre a estación da Sionlla e o camiño das Pereiras (de aproximadamente 2,2 quilómetros) está actualmente en execución e o seu remate producirase a curto prazo tras un investimento de máis de 750.000 euros. O segundo atópase na fase final da adxudicación, polo que antes de rematar 2025 comezarán os traballos para adecuar os 3 quilómetros que unen Ramelle e a ponte sobre o río Tambre. Esta actuación supón un investimento de preto de 280.000 euros, financiados a través dos fondos Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Deste xeito, os prazos que se manexan dende a Deputación prevén que esta senda estea completamente rematada no verán do 2026 tras un investimento nos últimos anos que supera os 1,8 millóns de euros. Unha vez rematada quedará cumprido o compromiso adquirido polo presidente provincial no 2022, na inauguración do tramo entre Cerceda e Oroso, que prometeu que esta Vía Verde sería recuperada na súa totalidade ata chegar a Santiago.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín destacou a coordinación entre as dúas administracións para impulsar este proxecto, que encaixa nos valores do Concello para promover unha mobilidade alternativa e sustentable, ao tempo que se impulsan hábitos de vida saludables a través do deporte e se recuperan zonas abandonadas.

A Vía Verde transcorre por unha das zonas do concello menos coñecidas, polo que tamén é unha oportunidade para promover o acceso a unha das paisaxes máis sobranceiras, xa que atravesa o río Tambre. A rexedora compostelá celebra que con esta vía tamén se abre unha actuación moi ben recibida pola veciñanza.

Valentín González Formoso resaltou que “a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle é un proxecto estratéxico para a provincia, porque recupera o trazado histórico do ferrocarril e convérteo nun espazo de encontro, lecer e mobilidade sostible. Supón tamén unha aposta clara polo turismo de proximidade e pola dinamización económica dos concellos polos que discorre, que se verán beneficiados coa posta en marcha da que xa é a maior Vía Verde de Galicia”.

Formoso engadiu que “a colaboración institucional foi clave para avanzar neste proxecto. Deputación e concellos fomos da man para que a Vía Verde sexa unha realidade en 2026. O investimento de preto de 2 millóns de euros é a mellor mostra do compromiso adquirido: devolverlle á cidadanía este corredor verde como un espazo seguro, accesible e pensado tanto para quen quere facer deporte como para quen busca un paseo tranquilo na natureza”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *