AD

Comarca

A XII Festa da Filloa de Abellá repartiu máis de 400 menús de filloas, caldo, rixóns e lacón

today23 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

23 de marzo de 2026.- A XII Festa da Filloa de Abellá (Frades) foi todo un éxito de participación, onde centos de persoas pasaron ao longo do sábado polo pavillón municipal de Abellá para degustaren un menú de 15 euros composto por filloas e cunca de caldo (que quedaba de agasallo conmemorativo), acompañado por rixóns, lacón e café. Unha edición que rexistrou un significativo incremento no número de persoas participantes e que quedou reflectido no número de menús vendidos: máis de 400 fronte aos 250 do ano anterior.

O alcalde en funcións, Manuel Ferreiro, agradeceu “á asociación de veciños Os Labregos e a todas as voluntarias e voluntarios o seu labor e dedicación a unhas festas coas que damos a coñecer o noso concello e a riqueza máis grande que temos: a nosa xente”. Ferreiro Marzoa estivo acompañado polos concelleiros de Cultura, Juan Carlos Portos, e Servizos Sociais, Ángeles Álvarez, veciña de Abellá quen tamén axudou a elaborar as filloas.

A cantina estivo atendida pola Comisión de Festas de Abellá, mentres que, musicalmente, a Festa da Filloa estivo amenizada polo grupo de gaiteiros “Son da terriña”, da parroquia de Galegos, así como polo Dúo Acherizados e DJ JJ Compota. Actuacións que moitos dos presentes aproveitaron para botar unhas bailas. Pola súa banda, os máis cativos puideron gozar de inchables e xogos.

A XII Festa da Filloa de Abellá foi organizada pola asociación de veciños “Os Labregos de Abellá”, que contou coa colaboración do Concello de Frades, da Deputación da Coruña e da Mancomunidade de Municipios de Ordes, ao abeiro do proxecto Terra Activa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *