AD

Actualidad

A Xunta pon en marcha no Nadal unha xira dos Bolechas

today9 diciembre, 2024

Fondo
share close
AD
  • O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presenta esta actividade, dentro da programación para estas festas da campaña da dinamización da lingua
  • Esta proposta, en colaboración coa CRTVG e Gadisa, percorrerá oito concellos galegos desde o 26 de decembro ata o 4 de xaneiro

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia programará unha xira de Nadal dos famosos bonecos televisivos Os Bolechas para difundir entre a cativada os tradicionais Cantares de Reis. Así o deu a coñecer hoxe en Santiago de Compostela o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen salientou que esta proposta, en colaboración coa CRTVG e Gadisa, “é xa unha cita cultural consolidada” entre as familias galegas na campaña de dinamización da lingua para estas festas.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que esta actividade, de entrada libre e de balde, percorrerá, entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro, oito concellos galegos: os coruñeses de Padrón e Melide, os pontevedreses da Estrada e Redondela, os lucenses de Burela e Abadín e os ourensáns de Verín e Celanova.

Valentín García destacou o papel dos Bolechas como “referentes galegofalantes para a xente miúda” e puxo en valor que se tire proveito do “seu grande éxito” entre os máis pequenos e pequenas “para achegar dun xeito divertido o valor do rico patrimonio oral en galego co que se conta en Galicia” e conseguir que estes cantares “acaben incorporándose no repertorio de Nadal entre as novas xeracións e se recuperen entre as familias”.

A xira dos Bolechas cos Cantares de Reis comezará o xoves 26 de decembro na Estrada e, ao día seguinte, fará parada en Padrón. A programación continuará en Melide, o sábado 28 de decembro, para achegarse a Celanova, o domingo 29 de decembro. Rematarase decembro cunha actuación o luns 30, en Burela.

Finalmente, os espectáculos dos Bolechas para este Nadal continuarán en xaneiro de 2025 cunha representación en Verín, o venres 3 de xaneiro, e outra en Redondela, o sábado 4 de xaneiro.

Toda a información coas datas exactas, lugares e horas pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *