AD

Actualidad

A XVII Merenda de Aiazo (Frades) repartirá máis dun milleiro de tortillas de masa

today20 marzo, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

Este ano haberá novos accesos aos aparcamentos próximos ao campo da festa, que estarán sinalizados

A degustación comezará ás 12:00 horas e pola tarde haberá verbena coa orquestra París de Noia e o grupo Unión y Fuerza

20 de marzo de 2024.- A área recreativa Os Pasos, na parroquia de Aiazo (Frades), acollerá este domingo 24 de marzo a edición número dezasete da Festa da Merenda, que organiza a asociación de veciños “Os Pasos” en colaboración co Concello de Frades. Unha festa que dará comezo ás 12:00 horas, coa degustación gratuíta das merendas elaboradas baixo unha carpa pechada e que rematará ben entrada a noite, coa verbena a cargo da orquestra París de Noia e o grupo Unión y Fuerza.

Unhas 30 cociñeiras, en quendas de 20 persoas, comezarán a preparar as tortillas de masa a partir do mediodía, que se poderán degustar gratuitamente na carpa con cada consumición ou comprar para levar en caixas de pizza (unha por 3 euros, dúas por 5 euros). Unhas compras que algunhas persoas fan para levalas á casa e outras para degustalas na área recreativa, que como todos os anos acollerá a centos de familias e grupos de amigos nas súas respectivas parcelas. A base das merendas é común para todas (ovos, auga e fariña), pero despois cada cociñeira daralle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o seu tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).

Durante a mañá, a sesión vermú estará amenizada polo grupo Unión e Fuerza. Como todos os anos, haberá carpas, xogos infantís, postos de artesanía, food-track, cantina e polbeira aberta todo o día a disposición das persoas que o desexen. Pola tarde, a música seguirá o ritmo da Charanga BB+ e, a partir das 19:00 horas, terá lugar a tradicional verbena con Unión e Fuerza e a Orquestra París de Noia.

Novos accesos

A organización facilitará varias zonas de aparcamento na contorna do campo da festa, xa que o acceso de automóbiles á área recreativa só estará permitido para carga e descarga ata as 12:00 horas. Uns accesos que este ano cambiarán con respecto a edicións anteriores, co obxectivo de ter unha dirección única de chegada e saída que evite retencións nos momentos de maior afluencia de xente.

O novo acceso desde a estrada Ordes-Ponte Carreira estará sinalizado cunha gran frecha luminosa e con distintos carteis, ademais de por membros da asociación de veciños “Os Pasos” de Aiazo, onde máis de 80 persoas levan toda a semana traballando e poñendo a punto todo para o día da festa. As persoas que desexen colaborar na financiación da Festa da Merenda poderán facelo adquirindo os tradicionais panos conmemorativos (1,5 euros), as rifas para o sorteo dunha cesta (3 euros) ou as novas camisetas da festa (10 euros).

A Festa da Merenda naceu para lembrar estas tortillas de masa, que foron moi utilizadas na comarca de Ordes en tempos de necesidade. Unha iniciativa que buscaba lembrar ás novas xeracións a importancia que este alimento tivo noutrora e que rematou converténdose nunha das citas gastronómicas máis agardada da comarca. Comezou como festa nocturna pero rematou converténdose nunha xornada gastronómica que cada ano reúne a milleiros de persoas e de todas as idades. Así, durante a mañá o público adoita ser maioritariamente familiar pero isto vai dando paso a un público esencialmente xuvenil, procedente de toda a comarca, sobre todo durante a tarde/noite.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%