Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 noviembre, 2023
Ames, 9 de novembro de 2023.- O Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade, organiza un ano mais un programa de actividades de conmemoración do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. A campaña deste ano, que leva o lema “Non contes comigo para…”, ten o obxectivo de poñer o foco na concienciación sobre a violencia machista e as súas consecuencias. Dita programación inclúe actividades que se alongarán dende o xoves 16 ata o sábado 25 de novembro. Nesta ocasión, o programa inclúe o espectáculo de teatro Golpes, unha andaina contra as violencias machistas, concertos a cargo do grupo The Tetas Van e do combo de voces da EMMA, e mailas XIII xornadas “Achégate á igualdade”.
Ames acollerá un ano máis unha serie de actos e obradoiros con motivo do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, que se conmemora o 25 de novembro. O programa, que ten como obxectivo poñer o foco na concienciación sobre a
violencia machista e as súas consecuencias, foi presentado esta mañá polo alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, que estiveron acompañados por Mayte Arufe e Mónica Antelo, técnicas do Centro de Información á Muller (CIM), e Belén Montesa e Juan Carlos Permuy, de Coidadosamente.
O alcalde, Blas García, destacou o gran traballo da concelleira, que é o primeiro ano que organiza este evento invita a todo o mundo “a sumarse a esta aposta pola igualdade que realiza o Concello de Ames” e lamenta que a día de hoxe sigan sendo necesarios este tipo de eventos: ”Nun tempo no que a igualdade debería ser realidade vemos como son máis necesarios que nunca os actos en favor dela”. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntario, Uxía García explicou que esta xornada é resultado do traballo de varios meses e argumentou que a aposta pola temática das novas masculinidades é debida a necesidade da implicación de ambos xéneros para a consecución da igualdade real.
Dende Coidadosamente, Juan Carlos Permuy e Belén Montesa acudiron á presentación. Montesa destacou o compromiso do Concello de Ames coa causa da eliminación da violencia contra a muller pois “de novo o Concello de Ames, sensibilizado con esta causa, volveu a apostar por este camiño que nos leva a unha sociedade máis xusta e equitativa e libre de violencia de xénero” mentres que Permuy explicou que “as novas masculinidades son unha nova forma de entender o que é ser home e ver o mundo dende unha perspectiva máis igualitaria rexeitando as desigualdades e entendendo os privilexios que supón ser home. Outra forma de entender as novas masculinidades é rachar cos estereotipos e eliminar os comentarios machistas e micro-machismos da linguaxe e suprimir a idea asociada ao xénero masculino de agresividade e competitividade”
As técnicas do Centro de Información á Muller (CIM), Mayte Arufe Mónica Antelo animaron a todo o mundo a apuntarse a estas xornadas que terán lugar xoves 16 de novembro e o xoves 23 e desfrutar da gran programación desta VIII Xornadas “Achégate á igualdade”.
XIII Xornadas Achégate á Igualdade
O programa de actividades dará comezo o xoves 16 de novembro coas XIII Xornadas Achégate á Igualdade que este ano teñen como lema “Queres formar parte? Novas masculinidades, novas oportunidades”. Trátase dunha xornada gratuíta que se vai a
organizar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo xornada.ames@gmail.com indicando o nome, apelidos e lugar de residencia. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
A xornada comeza ás 9.00 horas co acto institucional de apertura. De seguido, ás 9.30 horas haberá unha mesa redonda no que se abordará “A forza do desexo fronte aos roles de xénero establecidos no deporte”. Participarán Juan Carlos Permuy, psicólogo e coordinador de programas de CoidadosÁmente en Santiago de Compostela. Intervirán en dita mesa como relatoras: Verónica Boquete, futbolista na A.C.F. Fiorentina (Italia); Carlo Signiorini, patinador en categoría nacional do CPA Ágora de Boqueixón; Martín Casal, ximnasta do Club de ximnasia rítmica Viravolta de Santiago de Compostela; Angy Nogueira, xogadora de fútbol sala no FC Meigas de Ames; e María Pérez, adestradora defútbol sala do FC Meigas de Ames.
Posteriormente, ás 10.30 horas impartirase a conferencia “Nós sumamos. Reformas: desculpen as molestias”. Será presentada por Belén Montesa, psicóloga e coordinador de programas de CoidadosÁmente en Santiago de Compostela. Dita conferencia será impartida por Silberio Sáez, doutor en psicoloxía e sexólogo. É codirector de AMALTEA Sexoloxía en Zaragoza.
As 12.00h farase unha breve pausa de media hora para retomar as actividades as 12.30 h coa conferencia “Os homes ante o reto da igualdade”, que será presentada pola psicóloga do CIM do Concello de Ames, Mónica Antelo. A conferencia será impartida por Ritxar Bacete, pai de familia numerosa, antropólogo, traballador social e coordinador de Equimundo Center for Masculinities & Social Justice en España (Victoria).
De 14.00h a 16.00 horas farase unha parada para xantar. Pola tarde, de 16.00h a 18.00 horas, impartiranse dous obradoiros simultáneos para profesionais (haberá que escoller un deles). O primeiro taller é “Os homes e a igualdade. Outros modelos de masculinidade para previr a violencia de xénero e os abusos sexuais”. Será presentado por Miriam Otero, coordinadora de programas preventivos de coidadosÁmente en Santiago de Compostela. Imparte o obradoiro, Silberio Sáez, doutor en psicoloxía e sexólogo. É codirector de AMALTEA Sexoloxía en Zaragoza.
O segundo taller é “Claves para comprender as masculinidades e ferramentas de intervención con homes”. Preséntao María Teresa Arufe, asesora xurídica e directora do CIM do Concello de Ames. O obradoiro será impartido por Ritxar Bacete, pai de familia numerosa, antropólogo, traballador social e coordinador de Equimundo Center for Masculinities & Social Justice en España (Victoria).
Música, teatro e andaina 25N
A programación continúa o xoves, 23 de novembro ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa actuación do combo de voces da Escola Municipal de Música de Ames e coa representación da obra de teatro Golpes a cargo da compañía a Antena.
Trátase dunha peza que afonda dun xeito directo e fuxindo do tráxico en como nas accións máis cotiás nace o “Golpe” da desigualdade e chega á violencia machista. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica.
Por último, o sábado 25 de novembro ás 11.00 horas lerase o manifesto institucional diante da Casa do Concello. De seguido, ás 11.30 horas farase a andaina “Achégate á Igualdade” contra as violencias machistas. Pola tarde, ás 20.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro o grupo The Tetas Van ofrecerán un concerto como peche da programación.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)