Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 julio, 2025
O alcalde, Blas García, valora como “moi positiva e importante para o Concello de Ames” esta resolución pois o novo centro do Milladoiro “é un dos piares do proxecto amesá para seguir desenvolvendo o núcleo máis grande e importante do concello”
Trátase do primeiro centro construído en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e dá resposta á necesidade de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico
O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI
A Xunta de Galicia vén de adxudicar por máis de 11,6 M€ as obras do novo colexio do Milladoiro, no concello de Ames. Este contrato, adxudicado á empresa Puentes y Calzadas Infraestructuras S.L.U, ten un prazo de execución de 18 meses. Trátase do primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dando a Xunta resposta á necesidades de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia.
O alcalde, Blas García, explica que “a resolución da licitación do novo CEIP do Milladoiro é unha noticia moi positiva e importante para o noso concello, porque este centro educativo é un dos piares sobre os que sustentamos o proxecto que estamos a desenvolver para o núcleo máis importante do noso concello. Ames avanza en educación, servizos, mobilidade e infraestruturas”. O rexedor afirma que “somos un concello moderno e dinámico cun goberno capaz de traballar e negociar con todas as administracións en favor da nosa veciñanza”.
O Concello de Ames aportará unha achega de preto de medio millón de euros a esta actuación unha vez rematado o centro sumando o soterramento da liña eléctrica de media tensión (211.605 euros IVE incluído) e a posterior urbanización da zona na que se emprazará o novo colexio. “Este non é máis que outro de exemplo de colaboración institucional por parte do Concello de Ames para impulsar o noso municipio e facer que siga medrando”, explicou García.
Esta obra, que contrata a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas será sufragada con fondos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, co cofinanciamento dos fondos europeos. O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI.
O centro contará cunha superficie construída de 4.384,73 m² distribuída en dous andares, nos que se disporán seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.
A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a Anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.
Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.
A accesibilidade do edificio garántase evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Haberá itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación máis sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinalética de gran tamaño e cor facilmente visibles.
Tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)