AD

Actualidad

A banda de Boiro Agoraphobia presentará o seu novo disco ‘Kamikaze’ en ExpoROCK Festival

today11 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • A vocalista Susana Saavedra asegura que o novo traballo da banda nace sen presións nin expectativas e reivindica a liberdade creativa tras anos sen publicar material.
  • Kamikaze chegará tamén aos escenarios en festivais como o ExpoROCK Festival, que se celebrará o 14 de marzo en A Coruña

A banda galega Agoraphobia volve á primeira liña coa publicación de Kamikaze, un disco que marca unha nova etapa creativa para o grupo do Barbanza. Nunha entrevista recente, a súa vocalista, Susana Saavedra, explicou que o proceso de creación foi longo e deliberadamente pausado, sen presións externas. “Levabamos tanto tempo sen sacar nada que pensamos: ninguén nos espera, non hai présas nin expectativas, así que imos facer o que nos dea a gana”, asegurou. O resultado, segundo a cantante, é un traballo “moi honesto” co que a banda se sente especialmente satisfeita.

O álbum, publicado o 20 de febreiro, foi recibido con boas sensacións nas primeiras semanas. “A xente está flipando bastante co son e estamos moi contentas”, sinalou Saavedra, que destacou que o grupo dedicou tempo a definir tanto o enfoque musical como o discurso das letras. Kamikaze chegará tamén aos escenarios en festivais como o ExpoROCK Festival, que se celebrará o 14 de marzo en Expocoruña, onde Agoraphobia abrirá a xornada musical.

Un disco sobre identidade e crecemento persoal

As cancións de Kamikaze abordan cuestións persoais e sociais vinculadas á identidade e ao paso do tempo. Segundo Saavedra, o disco nace dunha reflexión colectiva da banda sobre como cambian as persoas ao longo da vida. “Falamos moito de identidade, de como ás veces a sociedade fai que a perdamos ou que cambiemos segundo con quen esteamos”, explicou.

A vocalista tamén reivindicou a madurez como unha etapa de autocoñecemento: “Cumprir anos está moi guai porque te vas decatando de quen es realmente e de todo o que conseguiches ser ata ese momento”. Esa reflexión atravesa as letras do disco, que buscan transmitir unha mensaxe de autenticidade fronte ás presións sociais e ás expectativas externas.

Neste sentido, Saavedra tamén fixo referencia ao impacto das redes sociais na percepción da realidade. “As redes distorsionan moito as cousas e crean expectativas que non son reais”, advertiu. “Non hai que crer todo o que ves por aí; hai que vivir máis a propia vida e ser feliz co que tes”.

Un proceso creativo aberto e colectivo

Musicalmente, o álbum combina diferentes formas de composición dentro da banda. Algúns temas xorden a partir de samplers ou ideas electrónicas, mentres outros nacen de improvisacións en local de ensaio. “Hai cancións que parten de samplers e outras que son puro punk ou hardcore e nacen de jam sessions nas que nos gravamos durante unha hora e logo imos collendo partes interesantes”, explicou Saavedra.

Esta diversidade tamén se reflicte nas influencias musicais do grupo, que non se limitan ao rock. A cantante recoñeceu que o grupo escoita artistas moi diferentes e que ás veces incorporan elementos inesperados ás súas composicións. “Podemos estar escoitando desde Bad Gyal ata Charli XCX e pensar: isto mola, imos intentar levalo ao noso terreo”.

Unha banda cunha década de traxectoria

Agoraphobia naceu no Barbanza e leva máis dunha década de traxectoria desde o seu primeiro concerto en 2013. A formación actual inclúe a Lucía (baixo), Sabela (guitarra), Paula (batería) e Yago —produtor e guitarrista—, ademais dun equipo técnico e de management que acompaña o proxecto.

Saavedra destacou tamén a efervescencia cultural da zona de Boiro e do Barbanza, onde conviven bandas e proxectos artísticos diversos. “Hai moita sinerxia cultural”, comentou, lembrando a presenza de grupos como Triángulo de Amor Bizarro ou membros de Heredeiros da Crus.

Entre festivais e salas

A banda compaxina a súa presenza en festivais co formato máis íntimo das salas de concertos. Aínda que recoñece as vantaxes dos grandes eventos, Saavedra admite que o contacto directo co público segue sendo especial. “O festival mola moito, pero o rollo de sala, con a xente tan preto, gústanos un pouco máis”, confesou.

O concerto no Expo Rock Festival será unha das primeiras grandes citas desta nova etapa de Agoraphobia, nun cartel que reúne nomes históricos do rock estatal. Para a vocalista, formar parte dese contexto é unha oportunidade para compartir escena con artistas que marcaron a súa propia formación musical.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *