Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 enero, 2025
O director de Art Music, Alberto Alfonso, expresou a súa sorpresa e pesar tras coñecer que a axencia arzúa non seguirá encargándose da organización do Festival do Queixo, evento que leva promovendo durante catorce anos con éxito en Arzúa. A decisión, segundo explica Alfonso, foi comunicada por teléfono por un concelleiro, sen ofrecer ningunha xustificación sólida.
“Foi unha decisión política. Despois de todo o esforzo e cariño posto no festival, foi unha sorpresa para nós”, comentou Alfonso durante unha entrevista na Radio Líder Santiago. O festival, que celebra este ano o seu 50 aniversario, verá por primeira vez en máis dunha década a ausencia da axencia que o posicionou como un referente cultural e musical en Galicia e España.
Segundo Alfonso, a decisión de prescindir de Art Music foi anunciada recentemente a través dunha chamada telefónica. “Non houbo explicación ningunha. Nin tan sequera tivemos a oportunidade de presentar unha proposta para continuar,” asegurou. Para o director, o feito de ser unha axencia radicada en Arzúa fai que a decisión sexa aínda máis dolorosa: “Doe especialmente porque este era o festival do meu pobo, e sempre o encaramos cunha visión romántica.”
Ao longo destes anos, Art Music logrou traer artistas de primeiro nivel ao festival, situando a Arzúa no mapa musical nacional e internacional. “Moitas veces foi complicado conseguir certos artistas, pero sempre o fixemos co obxectivo de que Arzúa gañase,” explicou Alonso. Nomes como Ar de Bogotá ou bandas locais como Bandilla Voladora tiveron no festival unha plataforma de lanzamento. “O único concerto gratuíto de Arde Bogotá foi aquí, e foi un éxito absoluto.”
A decisión chega nun momento clave para o festival, que este ano celebrará o seu medio século de historia. Alonso afirmou que xa estaban traballando na configuración do cartel deste ano, cunha aposta por artistas nacionais e galegos. “Tiñamos unha idea distinta, cun gran potencial, pero xa non será posible,” lamentou.
Entre os artistas que poderían participar no festival deste ano estaban nomes como Coque Malla ou Rozalén, artistas que o responsable de Art Music non quixo confirmar nin desmentir durante a entrevista, e máis, despois da decisión tomada de apartalos da organización.
Dúas horas despois da entrevista de Alberto Alfonso na radio local de Compostela e comarcas, o Concello de Arzúa anunciaba nas súas redes sociais que The Rapans é o primeiro grupo confirmado para actuar no Festival do Queixo 2025, entre os días 14 e 16 de marzo.
Alonso tamén criticou as tensións políticas que rodearon as últimas edicións do festival. “Calquera evento cultural ou de ocio non se debería politizar. O único que se consegue é ensuciar a súa esencia,” comentou, recordando episodios polémicos como o precintado do Parque da Feira ou a retirada das competencias organizativas da Festa do Queixo á área de Cultura, xestionada polo tenente de alcalde, Jose Luis García (A.A) para pasar directamente á Alcaldía (BNG). A pesar diso, insistiu na importancia do festival como motor económico e turístico para a vila. “O festival do Queixo xera un impacto positivo enorme; non se pode perder ese foco.”
A pesar de non formar parte da organización, Alonso desexou o mellor ao festival. “Como arzúan, quero que todo saia ben e que o festival siga sendo un referente,” declarou. Por motivos laborais, non poderá asistir á edición deste ano, pero non descarta volver no futuro como espectador. “O meu soño sempre foi que Arzúa brille, e iso non cambia.”
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)