AD

Actualidad

Alcaldes do Barbanza apoian a comisión pola gratuidade da AP-9 impulsada por Ames

today7 enero, 2025

Fondo
share close
AD

Os alcaldes dos municipios de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira veñen de manifestar o seu apoio á proposta do Concello de Ames en relación á constitución dunha mesa de traballo na que participen tanto o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible como os concellos afectados polas excesivas tarifas da AP-9 impostas por Audasa, coa finalidade de traballar a prol da liberalización gradual da Autopista do Atlántico.

A comarca do Barbanza conta na actualidade cunha infraestrutura de vital importancia en relación coa vertebración deste territorio, como é a AG-11. Porén, e a pesar de que esta se articula practicamente como un ramal da AP-9, o custo das peaxes desta última impide que para moitas das persoas usuarias se dea esa continuidade entre as dúas infraestruturas.

Neste senso, a pesar dos avances que supoñen as bonificacións agora en vigor gratuidade da viaxe de volta sumada á redución de até o 70% para as persoas usuarias recorrentes tanto en vehículos lixeiros como pesados-, é preciso avanzar na gratuidade total da autoestrada, unha medida que debe ser adoptada xa para o caso de tramos estratéxicos como é o de Padrón – Santiago e que implicaría un importante pulo para os municipios do Barbanza facilitando a conexión entre estes e a capital do país, así como con outras vías como a A-54.

“Moitas das persoas que na actualidade empregan a AG-11 desprázanse ata outros puntos a través da N-550 unha vez que chegan a Padrón, o que non só supón un agravio en relación coa competitividade para as empresas da nosa zona, senón que tamén supón cargar de tráfico – pesado en moitos casos – unha estrada de dobre sentido que atravesa diferentes núcleos de poboación e zonas perigosas”, argumentan os alcaldes, que tenden a man para contribuír a traballar conxuntamente con outros rexedores e con outras administracións cara a liberalización da AP-9.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%