Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 febrero, 2025
Ames, 17 de febreiro de 2024.- O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a inauguración da décimo segunda edición das Xornadas de Técnicos/as, Voluntarios/as e Participantes, que organiza a entidade Special Olympics Galicia, coa colaboración do Concello de Ames e subvencionadas pola Conselleira de Política Social da Xunta de Galicia. A Directora Xeral de Persoas con discapacidade, Begoña Abeijón, participou en ditas xornadas que foron inauguradas polo alcalde de Ames, Blas García. Con esta actividade comeza a tempada deportiva 2025 de Special Olympics Galicia, que durará ata decembro con competicións deportivas cada mes.
Na edición XII das Xornadas de Técnicos/as, Voluntarios/as e Participantes a Directora Xeral de Persoas con discapacidade, Begoña Abeijón, destacou a importancia do deporte e o lecer para seguir avanzando na plena integración das persoas con discapacidade.
No acto de inauguración tamén interviu o alcalde de Ames, Blas García, que incidiu “na importancia que teñen as administracións para apoiar e camiñar ao lado daquelas persoas que máis o necesitan, por iso dende o Concello de Ames traballamos para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidades funcionais e das súas familias. Gracias a Eladio Fernández, presidente de Special Olympics, por confiar no noso concello para realizar estas xornadas”. Por outra banda destacou o importante traballo que se está a realizar dende a Concellaría de Benestar Social dirixida por Uxía García, que leva a cabo iniciativas referentes en Galicia como pode ser o Club da Mocidade con Diversidade de Ames.
No acto tamén estiveron presentes o xefe de servizo de fomento e xestión deportiva da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Modesto Rouco Vilar; a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado do Concello de Ames, Uxía García; o delegado reitor para o Deporte da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Rico Diaz; o presidente de Special Olympics Galicia; Eladio Fernández Pérez; a vicepresidenta primeira de Special Olympics Galicia; Carmela González Lagarón; e o xerente de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, Manel Fernández Padín.
As xornadas desenvolvéronse a través de obradoiros prácticos e relatorios sobre diversos eixos como a motivación a práctica deportiva, a interpretación e aplicación da normativa de protección de datos, as ferramentas para os adestramentos de fútbol, os controis médicos no deporte adaptado, motivación e participación no piragüismo, etc.
Estes obradoiros prácticos e relatorios foron impartidos por profesionais como Laura Adela Fernández Blanco, Equipo Confialis, Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, Sociedade Recreativa Calo e da Federación Galega de Balonmán, reunindo a un nutrido grupo de profesionais do deporte, persoal voluntario e persoas con discapacidade intelectual de 8 entidades galegas, para seguir avanzando na formación do ocio e deporte adaptado.
Con esta actividade comeza a tempada deportiva 2025 de Special Olympics Galicia, que durará ata decembro con competicións deportivas cada mes, que como lembrou a Directora Xeral de Persoas con discapacidade, Begoña Abeijón, constitúen unha ferramenta chave “para impulsar a superación, reforzar a autoestima e manter lazos de amizade e compañeirismo”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)