Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 diciembre, 2024
A Corporación municipal aprobou por unanimidade a quinta modificación do plan estratéxico de subvencións 2023-2025, a participación no plan POS+ Adicional 1/2025 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2025, a aprobación inicial do regulamento de funcionamento do espazo de traballo colaborativo Coworking A Proa, a aprobación da liquidación final do contrato de concesión para a xestión do servizo público do ciclo integral da auga do Concello de Ames asinado con Espina & Delfín SL, a aprobación do expediente de licitación do servizo de axuda no fogar, e maila aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2024
Tamén se aprobou por maioría absoluta o inicio do expediente para a prestación do servizo público de aparcadoiro baixo tarifas na localidade do Milladoiro
Ademais, aprobáronse a resolución de alegacións e aprobación definitiva da décimo segunda modificación da relación de postos de traballo do Concello de Ames, e maila a modificación do cadro de persoal anexo ao orzamento xeral do Concello de Ames do 2024, como consecuencia de dita modificación. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames
Ames, 27 de decembro de 2024.- A Corporación municipal aprobou por unanimidade a quinta modificación do plan estratéxico de subvencións 2023-2025, a participación no plan POS+ Adicional 1/2025 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2025, a aprobación inicial do regulamento de funcionamento do espazo de traballo colaborativo Coworking A Proa, a aprobación da liquidación final do contrato de concesión para a xestión do servizo público do ciclo integral da auga do Concello de Ames asinado con Espina & Delfín SL, a aprobación do expediente de licitación do servizo de axuda no fogar, e maila aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2024. Tamén se aprobou por maioría absoluta o inicio do expediente para a prestación do servizo público de aparcadoiro baixo tarifas na localidade do Milladoiro. Ademais, aprobáronse a resolución de alegacións e aprobación definitiva da décimo segunda modificación da relación de postos de traballo do Concello de Ames, e maila a modificación do cadro de persoal anexo ao orzamento xeral do Concello de Ames do 2024, como consecuencia de dita modificación. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de decembro comezou coa Corporación municipal gardando un minuto de silencio en memoria da última muller asasinada por violencia machista o pasado 18 de decembro en Viveiro. A continuación o alcalde deu conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 391 decretos, do 3803 ao 4193. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foi a aprobación da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de novembro.
De seguido, aprobouse por unanimidade a ratificación do decreto da Alcaldía 3994/2024 de aprobación da quinta modificación do plan estratéxico de subvencións 2023-2025. O 6 de novembro de 2024 o Pleno do Concello de Ames aprobou unha transferencia de crédito para continuar no ano 2024 coa liña de axudas denominada Bonos Consuma. Esta transferencia non se contemplaba nesta anualidade, polo que é preciso incluíla no plan estratéxico de subvencións.
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a participación no plan POS+ Adicional 1/2025 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2025. Deste xeito, preténdese dedicar a contía de 158.605,14 euros ao reforzo de persoal técnico do departamento de Benestar Social con catro traballadores/as durante seis meses (93.072,24 euros); á ampliación de prazas no servizo de Xantar na Casa (17.000 euros); e a dotación das partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás unidades de convivencia en risco de exclusión social (48.532,90 euros).
Aprobación inicial do regulamento da Proa
Por outra banda, aprobouse por unanimidade o regulamento de funcionamento do espazo de traballo colaborativo Coworking A Proa. O regulamento de funcionamento ten por obxecto establecer os criterios de admisión das persoas solicitantes dos servizos que se ofrecen no espazo de traballo Espazo A Proa, incluído na Rede provincial de espazos de traballo colaborativo da Deputación Provincial da Coruña. Este regulamento de funcionamento desenvolve aspectos concretos do protocolo común de actuación dos espazos de traballo integrados na Rede provincial de Espazos de Traballo, que rexe con carácter xeral en todos os espazos da rede e polo tanto será de obrigado cumprimento no Coworking do Concello de Ames.
O Espazo A Proa facilitará ás persoas usuarias, a posibilidade de dispoñer dun espazo de traballo dotado dunha serie de servizos e infraestruturas comúns que, propiciando a relación con outras empresas e/ou profesionais nunha situación similar, melloren as súas posibilidades de crecemento, consolidación e éxito empresarial.
Xestión do servizo público do ciclo integral da auga
Ademais, aprobouse por unanimidade a liquidación final do contrato de concesión para a xestión do servizo público do ciclo integral da auga do Concello de Ames asinado con Espina & Delfín SL. Proponse fixar en concepto de liquidación un saldo a favor do Concello de Ames de 815.180,82 euros, polos conceptos de mantemento correctivo pendente (807.579.82 euros), importe do perfilador láser que non puido repoñerse (4.000 euros), e a diferencia de valor entre a cámara ofertada polo licitador e a finalmente achegada que, non obstante, cumpre satisfactoriamente a súa función (3.601 euros).
Aparcadoiro baixo tarifas no Milladoiro
Outro dos temas tratados no pleno ordinario de decembro foi o inicio do expediente para a prestación do servizo público de aparcadoiro baixo tarifas na localidade do Milladoiro. Este tema foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular de Ames. Abstivéronse os/as concelleiros/as do BNG e votou en contra a concelleira de Espazo Común.
O concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, explicou que esta proposta “ten o obxectivo de dar resposta a actual necesidade de aparcamento que existe no Milladoiro. Como resultado da procura de espazos de aparcamento, localizouse unha planta soto baleira xa destinada a aparcamento no edificio que se atopa entre as rúas Agro do Medio, Pardiñeiros e Agro da Vella, que pertence a un único titular e ten capacidade para albergar arredor de 135 prazas de garaxe. Iniciadas as conversas co seu titular, este está interesado en cederllo ao Concello, para a súa explotación, mediante arrendamento, para que sexa a administración o que o explote de forma directa ou indirecta”.
Para elo haberá que crear unha Comisión de estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico. Dita comisión redactará unha memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica de que se trate, na que deberá determinarse a forma de xestión, entre as previstas pola lei, e os casos en que debe cesar a prestación da actividade. Así mesmo, deberá acompañarse un proxecto de prezos do servizo, para cuxa fixación se terá en conta que é lícita a obtención de beneficios aplicables ás necesidades xenerais da entidade local como ingreso do seu orzamento, sin prexuízo da constitución de fondos de reserva e amortizacións. Posteriormente, determinarase a forma de prestación do servizo e determinarase o seu réxime xurídico.
Dende os grupos políticos da oposición, a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “a única solución que plantexa o goberno para O Milladoiro é a creación de prazas de aparcamento baixo pago. Podería ser unha solución alternativa para o comercio, pero non pode ser unha solución para a veciñanza do Milladoiro. Deberían buscar outro tipo de alternativas que non fosen prazas de aparcamento de pago”. A voceira do BNG, Escarlata Pampín, destacou que “deberíamos debater sobre a creación de novas prazas de aparcamento públicas e gratuítas, tal e como demanda a veciñanza e mailo comercio. Estamos ante o mandato da privatización e do recorte dos servizos públicos, agora tamén no que ao aparcamento se refire”. A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “somos coñecedores do gran problema que ten O Milladoiro coa falta de prazas de aparcamento, polo que estamos a favor de todas aquelas solucións que se propoñan e que teñan lóxica para tratar de solucionar dita falta de espazos de aparcamento”.
Licitación do servizo de axuda no fogar
Por outra banda, a Corporación municipal aprobou por unanimidade o expediente de contratación, mediante procedemento aberto con varios criterios de adxudicación suxeito a regulación harmonizada, tramitación urxente e tramitación de gasto anticipada, do contrato de servizo de axuda no fogar, nas modalidades de SAF libre concorrencia e SAD dependencia do Concello de Ames. No pasado pleno ordinario de outubro aprobouse por unanimidade o inicio do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames, polo que agora se aproba o inicio de licitación dun novo contrato.
Recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2024
Ademais, aprobouse por unanimidade o recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2024 por un importe de 296.464,85 euros. Todos os gastos incluídos nos expedientes responden a obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria.
Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT)
Por último, aprobáronse a resolución de alegacións e aprobación definitiva da décimo segunda modificación da relación de postos de traballo do Concello de Ames, e maila modificación do cadro de persoal anexo ao orzamento xeral do Concello de Ames do 2024, como consecuencia de dita modificación.
Primeiro votouse a urxencia de ambos puntos, que foi aprobada por unanimidade, e posteriormente debatéronse ambos puntos. No primeiro punto aprobouse a estimación dunha alegación, presentada polo técnico do Ciclo integral da auga, e maila desestimación das noves alegacións restantes. De seguido, debateuse a modificación do cadro de persoal anexo ao orzamento xeral do Concello de Ames do 2024, como consecuencia de dita modificación.
Estes dous puntos foron aprobados co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e BNG e coa abstención da concelleira de Espazo Común.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)