Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 noviembre, 2024
Ames, 18 de novembro de 2024.- Hoxe pola mañá celebrouse un pleno extraordinario no que a Corporación municipal aprobou de xeito inicial e por unanimidade a décimo segunda modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames. Tamén se aprobou de xeito inicial e por unanimidade a modificación do cadro de persoal anexo ao orzamento xeral do Concello de Ames do 2024, como consecuencia de dita modificación. Previamente, a modificación da RPT foi aprobada por unanimidade de todas as seccións sindicais na Mesa Xeral de Negociación celebrada o 14 de novembro. A modificación da RPT suporá a adecuación dos complementos específicos e incremento retributivo derivado para a totalidade do persoal municipal. O incremento retributivo aplicarase de forma progresiva en catro anos, dende 2024 ata 2027. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu hoxe pola mañá un pleno extraordinario ao que asistiron varios traballadores/as municipais e delegados/as das seccións sindicais con representación no Concello. O primeiro que fixo a Corporación municipal foi aprobar por unanimidade a ratificación da urxencia da convocatoria. Tralo correspondente debate aprobouse de xeito inicial e por unanimidade a décimo segunda modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames. Tamén se aprobou de xeito inicial e por unanimidade a modificación do cadro de persoal anexo ao orzamento xeral do Concello de Ames do 2024, como consecuencia da modificación da RPT. Dita modificación da RPT foi aprobada previamente, por unanimidade de todas as seccións sindicais, na Mesa Xeral de Negociación celebrada o 14 de novembro.
O concelleiro de Administración Xeral e Persoal, Víctor Fernández, foi o encargado de explicar dita modificación da RPT que segundo dixo “ten a súa orixe nun compromiso político. A Relación de Postos de Traballo data do ano 2007 e en moitos puntos e aspectos non correspondían coas necesidades actuais da plantilla municipal. É certo que nos últimos anos foron abordándose unha serie de modificacións puntuais, pero era necesario abordar dun xeito xeral a modificación da RPT para dar resposta a certas necesidades que había, pero tamén para racionalizar os diferentes postos de traballo e dotar dunha maior xustiza salarial a todos os postos de traballo. Dita modificación hai que trasladala a un novo cadro de persoal que contemple o incremento retributivo acordado”.
Víctor Fernández engadiu que “esta é a primeira fase dentro do compromiso global acordado na Mesa Xeral de Negociación. Esta modificación non implica que non se siga modificando a RPT. Na primeira fase faise un estudo e avaliación da RPT, atendendo á estrutura administrativa de postos comprendida na mesma, que son os sete grupos nos que se encadran os traballadores municipais, e por conseguinte faise unha adecuación retributiva. Nunha segunda fase continuarase cunha revisión da estrutura administrativa de postos que se estime necesaria, cunha descrición máis acaida das fichas descritivas dos diferentes postos da RPT. O que está facendo o Goberno é cumprir este acordo”.
Intervención dos grupos da oposición
Sobre este asunto a concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “se trata dun acordo que vén de anos atrás e que foi variando ata chegar á proposta que hoxe debatemos. É un acordo que non é malo porque beneficia á totalidade dos traballadores e traballadoras. É un acordo que dá cumprimento a unha reivindicación histórica da Policía Local, mellora as condicións salariais dos traballadores e traballadoras e que dá cumprimento a ese acordo pre-electoral do actual goberno, pero non dá solución a todos os problemas existentes no Concello. Falta o que realmente é importante que é acometer unha verdadeira modificación da RPT, que recolla as necesidades reais dun concello de 34.000 habitantes”.
Luísa Feijóo continuou dicindo “hoxe acordamos unha subida de salarios xeneralizada, pero seguiremos tendo departamentos sen xefes/as de servizo, seguiremos tendo auxiliares administrativos/as con funcións por encima do seu posto, e seguiremos sen ter as fichas dos traballadores/as sen actualizar. Votar a favor desta proposta non quere dicir estar de acordo coa política que está levando a cabo en materia de persoal este goberno. Votar a favor desta proposta é vota a favor dunha modificación acordada pola unanimidade da representación sindical, e tal e como lles trasladei agardo que non quede só nunha suba salarial, senón que sigan pelexando para que teñan unha RPT adecuada ao que están a facer e á situación real do Concello”.
Por parte do BNG, interviu a concelleira Rosalía Seijas, que dixo “estamos ante unha modificación puntal da RPT, que foi aprobada en 2007, pero dende aquela mudaron moitas cousas neste concello. Isto provocou que os traballadores/as incrementaron a súa dedicación, perigosidade e responsabilidade. É por iso que esta modificación da RPT é un exercicio de xustiza, de recoñecerlles ás modificacións que tiveron no seu posto de traballo. Esta non é a modificación da RPT perfecta, pero agardo que sexa o primeiro paso da modificación total da Relación de Postos de Traballo. Por iso que quedan deberes por facer como é realizar a actualización das fichas descritivas de cada posto, dotar de persoal a algúns departamentos e dotar de técnicos a outras áreas”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, destacou que “hoxe é un día importante, especialmente para todos os traballadores do Concello de Ames. Con esta modificación conseguimos ter unha RPT actualizada dun Concello con máis de 270 empregados públicos. Sabemos que o correcto sería unha nova RPT, pero o máis urxente é aprobar un reflexo da situación do persoal para adecuar as súas retribucións ás funcións que teñen asignadas. Como xa dixen o máis axeitado sería unha nova RPT na que se estruturasen os departamentos doutro xeito, cunha estrutura máis organizada na que resultan imprescindibles cargos intermedios. A RPT non se entende sen o anexo de persoal do Orzamento polo que esta modificación require dunha adecuación orzamentaria”.
Oliva Agra engadiu “con esta modificación preténdese completar a descrición funcional da estrutura administrativa do Concello establecendo unha descrición máis precisa das funcións de cada posto, e por outro lado, alcánzase a obxectividade e igualdade retributiva actualizando as retribucións asociadas a cada posto. Tamén se consigue regularizar e actualizar o réxime de condicións especiais que teñen algúns postos en canto á xornada e horarios. Recóllese unha dispoñibilidade permanente ou total, ou unha dispoñibilidade parcial de 75, 50 e 25 horas ao ano, ou determinados postos que traballan a quendas. Tamén se regularizan as retribucións que o persoal de determinados postos, especialmente da Policía Local, perciben mediante gratificacións e horas extraordinarias en concepto de traballos realizados en días festivos e horas nocturnas”.
Peche do alcalde
Pechou o debate o alcalde, Blas García, que dixo “podiamos falar aquí de moitas situacións políticas, pero hoxe non é o momento; non vimos aquí a facer política nin a falar de política, senón a falar de persoas. Persoas que son moi importantes para o noso concello: os traballadores e traballadoras municipais. Con este pleno non acaba nada, nin tampouco empeza nada; simplemente é un pleno de tránsito no que temos que seguir camiñando xuntos para seguir mellorando, persoal municipal, Comité de empresa e goberno. É certo que desde o ano 2007 non se modifica unha RPT e hoxe imos facelo. E facémolo por unha cuestión de xustiza laboral con todo o persoal do concello, pero tamén de xustiza social porque hai moitos traballadores e traballadoras que non tiñan uns salarios acordes coa situación na que estamos hoxe en día”.
Por outra banda agradeceu “o traballo de todos os sectores implicados: persoal laboral, representantes sindicais, persoal municipal que fixo que esteamos hoxe aquí e persoal externo ao Concello que facilitaron esta RPT. Agradezo tamén a todos os grupos políticos o seu voto favorable a esta modificación, o cal é moi positivo, pois esta RPT sae respaldada pola totalidade da Corporación”.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)