AD

Comarca

Ames aproba por unanimidade a Conta Xeral 2024 do concello e da EPEL Augas de Ames

today26 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

Tamén se aprobou por unanimidade unha declaración institucional do grupo socialista contra o xenocidio do pobo palestino en Gaza; a subsanación das deficiencias na redacción de dous proxecto do POS+2025 de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde (Piñeiro) e de camiños peonís en Aldea Nova (Ortoño); a resolución das alegacións formuladas pola empresa Os Ventos Innovación en Servizos SL, anterior adxudicataria do servizo de axuda no fogar; e a corrección número 2 do PXOM, no lugar de Framán

Por último, foi rexeita unha moción política do grupo municipal BNG sobre a vaga de lumes forestais que asolou Galicia no mes de agosto e as medidas necesarias para evitar que se repita esta catástrofe mediante unha política de prevención e unha xestión integral do medio. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames

Ames, 26 de setembro de 2025.- A Corporación municipal aprobou por unanimidade a Conta Xeral 2024 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames. Tamén se aprobou por unanimidade unha declaración institucional do grupo socialista contra o xenocidio do pobo palestino en Gaza; a subsanación das deficiencias na redacción de dous proxecto do POS+2025 de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde (Piñeiro) e de camiños peonís en Aldea Nova (Ortoño); a resolución das alegacións formuladas pola empresa Os Ventos Innovación en Servizos SL, anterior adxudicataria do servizo de axuda no fogar; e a corrección número 2 do PXOM, no lugar de Framán. Por último, foi rexeita unha moción política do grupo municipal BNG sobre a vaga de lumes forestais que asolou Galicia no mes de agosto e as medidas necesarias para evitar que se repita esta catástrofe mediante unha política de prevención e unha xestión integral do medio. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno ordinario de setembro comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 219 decretos, do 2681 ao 2899. Neste apartado o alcalde tamén deu conta das actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ás sesións dos días 4, 11 e 18 de setembro.

De seguido, a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, deu conta dos reparos formulados pola intervención municipal no exercicio 2024. Señorís dixo que “se formularon 231 reparos. As principais anomalías son a aprobación de gastos sen tramitar cun contrato menor correspondente, como reparacións en edificios e outras instalacións como pequenas reparacións en edificios municipais, en beirarrúas, alumeado público, mantemento preventivo dos sistemas de calefacción, fontanería, sistemas contra incendios e alarmas, e subministro como gasóleo de calefacción, limpeza, mantemento, asistencias técnicas, asesoría en materia laboral e certificacións de obras.

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, tamén deu conta da execución trimestral correspondente ao período medio de pago a provedores e morosidade do segundo trimestre de 2025. Neste punto destacou que “o período medio de pago a provedores foi de 33,06 días, como ben saben non cumpre o período medio de pago a provedores que é de 30 días, polo que agardamos que nos próximos trimestres o poidamos solucionar”.

Por último, Susana Señorís deu conta da modificación das contías do prezo público das escolas deportivas municipais recollidas na ordenanza reguladora dos prezos públicos polos servizos culturais e deportivos. “Na Xunta de Goberno Local do 28 de agosto aprobáronse as novas contías do prezo público das escolas deportivas municipais. Estes prezos non foron modificados dende o ano 2013 e o importe dos prezos públicos debe cubrir como mínimo o custo do servizo ou da actividade, non obstante por razóns sociais, benéficas, culturais ou de interese público como é este caso, poderá fixarse un prezo público inferior ao seu custo. O motivo de actualizar os prezos públicos é que se axusten á realidade actual, onde a subida de custes xerais e o IPC se incrementaron considerablemente dende a última modificación. O obxectivo desta suba é poder garantir e manter nun futuro a organización destas actividades”.

Declaración institucional contra o xenocidio do pobo palestino en Gaza

Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foi a aprobación da declaración institucional do grupo socialista contra o xenocidio do pobo palestino en Gaza. Segundo explicou o alcalde, Blas García, dita declaración “é un acordo unánime que sae da FEGAMP e que foi apoiada por todos os grupos políticos municipais da Corporación municipal”.

De seguido, aprobouse por unanimidade a acta da sesión ordinaria do mes de agosto celebrada o 11 de setembro de 2025.

Conta Xeral 2024 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, foi a encargada de expoñer no pleno as principais magnitudes da Conta Xeral de 2024. “En canto aos ingresos, os dereitos recoñecidos netos alcanzaron no ano 2024 os 36.525.951,67 euros, superando os do exercicio 2023 e acadando unha execución do 86,77% dos créditos definitivos. Destaca especialmente o bo comportamento dos ingresos correntes, cunha execución do 98,50%, así como o alto grao de execución no capítulo de transferencias de capital, debido á recepción dos fondos da EDUSI unha vez finalizados os investimentos asociados. O resultado orzamentario axustado foi positivo, ascendendo a 130.259,82 euros, o que supón unha recuperación respecto ao exercicio 2023”.

Ademais dixo que “o remanente de tesourería para gastos xerais tamén resultou positivo, situándose en 6.582.625,94 euros cun incremento respecto ao ano anterior, o que nos permitirá proceder á amortización total da débeda bancaria. É certo que neste exercicio se incumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria, cun desaxuste de 1.898.697,61 euros, derivado do uso do remanente de tesourería para gastos xerais e do axuste negativo nos ingresos procedentes da EDUSI”.

Por último, sobre a Conta Xeral dixo “cómpre destacar que o nivel de endebedamento do Concello no exercicio 2024 é baixo, ascendendo a 2.703.555,97 euros, o que representa o 9,1% (do 110% que esta permitido) dos recursos ordinarios do orzamento. Dese importe, 725.784,05 euros corresponden a préstamos bancarios vinculados á EDUSI, mentres que os 1.977.771,92 euros restantes derivan de préstamos provinciais asociados aos distintos Plans Provinciais desde o ano 2015. Aprobar esta conta é manifestar que se está de acordo co reflexo contable do exercicio orzamentario. Con esta aprobación permítese que aos órganos de fiscalización externos, coma o Consello de Contas, poidan facer a súa labor de control e fiscalización”.

Por outra banda, explicou os principais datos das contas anuais de 2024 da EPEL Augas de Ames. “Esta entidade comenzou a súa actividade o 1 de abril do 2024, polo que é o seu primeiro exercicio económico, que abrangue ata o 31 de decembro de 2024. O activo total desta entidade ascende a 7.427.557,01 euros, mentres que o pasivo e patrimonio neto é de 7.384.384,36 euros. Deste xeito, aínda que o primeiro ano da entidade estivo marcado polos custos iniciais da implantación e posta en marcha, a EPEL pechou o exercicio con un resultado positivo de 43.172,65 euros”.

Tamén destacou que “o numero de abonados no segundo trimestre de 2024 no servizo de abastecemento era de 15.953, e en saneamento e depuración 17.380, mentres que ao remate do ano os abonados no servizo de abastecemento aumentaron a 16.032, e no servizo de saneamento e depuración subiron a 17.452, polo que se incrementou o número de abonados/as en 79 e 72 usuarios/as respectivamente. En resumo, estas primeiras contas anuais de Augas de Ames amosan unha entidade en proceso de consolidación, cunha situación patrimonial estable e unha xestión axustada á legalidade e principios de transparencia”.

Intervención dos grupos da oposición sobre a Conta Xeral 2024

Sobre este asunto a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “este documento indícanos a xestión realizada polo grupo de goberno en 2024, valorándoa en función do grao de execución do orzamento e de como se fixo dita execución. Se nos quedamos nas grandes cifras podemos dicir que temos un aforro de case 3,5 de euros e un remanente de tesourería de pouco máis de 6.5 millóns de euros. As cifras vistas así non son malas, pero se vamos a ver como se executou o orzamento o conto xa cambia un pouco. Vemos como os reparos seguen estando aí con 231 reparos, que van dende gastos realizados sen a correspondente licitación dos servizos ata contratos menores sen o pertinente expediente. Dende Espazo Común damos o voto favorable á Conta Xeral como documento contable, pero o goberno segue a ter para nós un suspenso en xestión e execución”.

Por parte do BNG, interviu a concelleira Rosalía Seijas, que destacou “que a Conta Xeral de 2024 indica falta de coordinación, inestabilidade orzamentaria e incapacidade de execución por parte deste goberno municipal, porque de nada vale publicitar uns orzamentos moi ambiciosos, se despois non somos capaces de executalos, nin facer as obras e proxectos que lle propoñemos aos veciños e veciñas. Preto de 4 millóns de euros quedaron sen executar en investimentos. Ademais, por segundo ano consecutivo, que son os anos que levan vostedes gobernando en minoría, incumprimos a estabilidade orzamentaria e a regra de gasto. Tamén hai un excesivo uso dos reparos e un uso abusivo dos contratos menores. Por último, vemos unha diminución do aforro neto do Concello que amosa esa mala xestión económica por pare deste goberno. Aprobar esta Conta Xeral non significa apoiar este goberno, senón que damos fe do reflexo contable. Esta Conta Xeral dinos que este é un goberno sen planificación e sen capacidade de xestión”.

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, dixo que “o goberno local volve a fallar na súa obriga de xestionar con responsabilidade os cartos de todos os veciños de Ames. Se analizamos con detalle estas contas o primeiro que salta á vista e que se orzamenta e anuncia moito, pero á hora da verdade o que se converte en proxectos executados dista moito da realidade que nos queren vender. Se no ano 2023 se gastaba por habitante 1.127 euros, en 2024 o gasto por habitante reduciuse a 1.061 euros. O mesmo acontece co investimento por habitante. En 2023 era de 239 e en 2024 de 232 euros. Isto significa que se xeran expectativas que logo non se cumpren. Os veciños seguen padecendo problemas de mobilidade, deficiencias en infraestruturas básicas, instalacións deportivas que quedan pequenas ou anticuadas e unha falta de planificación que compromete o futuro e desenvolvemento de Ames. Estas contas son a radiografía dunha xestión deficiente. Ames necesita un goberno que planifique, execute, invista e poña ás persoas por diante dos titulares”.

Corrección de deficiencias en proxectos do POS+2025

Ademais, aprobouse por unanimidade a corrección das deficiencias na redacción de dous proxecto do POS+2025 de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde (Piñeiro) e de camiños peonís en Aldea Nova (Ortoño). En ambos aprobouse a corrección de deficiencias de índole formal indicadas polos técnicos da Deputación da Coruña. Cómpre lembrar que os proxectos incluídos no POS+ 2025 foron aprobados no pleno extraordinario celebrado o 4 de febreiro de 2025.

Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a resolución de alegacións formuladas pola empresa Os Ventos Innovación en Servizos SL, anterior adxudicataria do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames. Deste xeito, o Pleno aprobou desestimar as alegacións presentadas pola empresa Osventos innovación en servizos SL, para a declaración de prohibición para contratar co Concello de Ames e impoñer a dita empresa unha prohibición para contratar co Concello de Ames por un período de 3 anos.

Tamén se aprobou por unanimidade a corrección do erro material número 2 do PXOM de Ames, consistente na rectificación da cartografía que se relaciona do PXOM vixente, no relativo ao linde oeste do núcleo rural do lugar de Framán, parroquia de Bugallido, sobre os planos da corrección de erros número 1, relativa ao perímetro do núcleo urbano de Bertamiráns sobre o IES.

Apartado de mocións

Por último, abordouse unha moción política do grupo municipal BNG sobre a vaga de lumes forestais que asolou Galicia no mes de agosto e as medidas necesarias para evitar que se repita esta catástrofe mediante unha política de prevención e unha xestión integral do medio. Dita moción foi rexeitada con sete votos en contra dos/as concelleiros/as do Partido Popular. Os/as seis concelleiros/as do BNG e de Espazo Común votaron a favor, mentres que os oito concelleiros/as do grupo de goberno abstivéronse.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *