Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 diciembre, 2025
O Concello de Ames celebrou este venres, 19 de decembro, un pleno extraordinario no que saíu adiante o Plan económico-financeiro para o período 2025-2026, así como un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 61.259,60 euros. Na mesma sesión aprobouse por unanimidade a cesión de seis parcelas municipais á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (VIPUGAL) para a construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro .
No primeiro punto da orde do día, a Corporación abordou o recoñecemento extraxudicial de crédito correspondente a gastos realizados no exercicio 2024 sen o soporte contractual axeitado. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que a maior parte das facturas corresponden a subministracións básicas, como enerxía eléctrica e gas natural, así como a gastos necesarios para o funcionamento dos servizos municipais. O punto foi aprobado cos votos favorables do grupo de goberno, Partido Popular e BNG, mentres que Espazo Común se abstivo .
A continuación aprobouse o Plan económico-financeiro 2025-2026, necesario tras o incumprimento da regra de gasto e do principio de estabilidade orzamentaria no peche do exercicio 2024. O documento recolle medidas para garantir o equilibrio entre ingresos e gastos nos vindeiros dous anos, apoiándose nunha mellora da recadación e no incremento das transferencias do Estado, ademais da amortización total da débeda bancaria. O plan contou co voto favorable do goberno municipal, coa abstención de PP e BNG e co voto en contra de Espazo Común .
O pleno rematou coa aprobación unánime da actualización do inventario municipal e da cesión de seis parcelas á VIPUGAL, cinco no sector S-16 Galdrachán e unha no sector S-15 Travesía do Porto Sur. En total, cédense máis de 6.100 metros cadrados de solo urbanizable nos que se prevé a construción de 218 vivendas de protección oficial, dando un novo impulso á oferta de vivenda pública no Milladoiro .
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)