AD

Comarca

Ames celebra este venres a XVII Gala do Deporte na Casa da Cultura de Bertamiráns

today7 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

 

  • Este venres, o auditorio de Bertamiráns acollerá a XVII Gala do Deporte de Ames, onde se renderá homenaxe aos deportistas máis destacados do concello durante o pasado 2024
  • O acto terá lugar ás 20.30 horas e estará presentado polos xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño
  • A votación da categoría reservada para o público está aberta ata hoxe á medianoite
  • Tamén haberá un recoñecemento especial a Jorge Pérez, do Club Ciclista Os Esfola Arrós, e ao Real Aero Club de Santiago, pola súa vinculación e colaboración habitual en eventos e probas deportivas do Concello de Ames

Ames, 7 de maio de 2025.- O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres, 9 de maio, a XVII edición da Gala do Deporte, onde se homenaxeará aos deportistas máis destacados de Ames, xunto coas diversas entidades deportivas do concello. O acto terá lugar ás 20.30 horas e, un ano máis, estará presentado polos xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño.

O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organiza a décimo sétima edición da Gala do Deporte, que se celebrará este venres, 9 de maio, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os encargados en presentar o evento serán os xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño. Ata o momento, só se coñecen os premiados na categoría de recoñecemento especial, que se lle outorgará a Jorge Pérez do Club Ciclista Os Esfola Arrós, e na de entidade colaboradora, na que se recoñece o traballo de colaboración do Real Aero Club de Santiago en diversos eventos organizados polo Concello.

Os premios que se entregarán son os seguintes: deportista ou equipo máis destacado dun club de Ames, promesa masculina máis destacada, promesa feminina máis destacada, deportista masculino máis destacado, deportista feminina máis destacada e club máis destacado.

Ademais, como vén sendo habitual, hai unha categoría reservada ao premio do público para votar polo/a seu deportista favorito/a e que estará aberta ata hoxe, mércores, a medianoite: Tariku Novales, Nuria Rábano, Guillermo Carracedo, Blanca Millán, Pablo Fernández. Aínda podes votar polo teu favorito na seguinte ligazón. Os gañadores dos galardóns serán desvelados ao longo da propia gala.

Deportistas ou equipos máis destacados dun club de Ames

En canto á categoría de mellor deportista/equipo dun club de Ames, este ano optan ao premio: Ángela Nogueira, segunda capitá do F.C. Meigas; José Fernando Sáinz, atleta máster +75 do Club Atletismo Sar; e Raúl Rodríguez, karateka da Escola de karate Dokkodo.

Pola súa banda, Ángela Nogueira Castro é a segunda capitá do club de fútbol sala amesán F.C. Meigas, ademais da máxima goleadora do equipo con 17 goles. Actualmente o F.C. Meigas está na novena posición da 2º División Nacional de Fútbol Sala, conseguindo así a clasificación matemática para a Copa Galicia e a Copa da Raíña 2025. No pasado 2024, o club xa disputou estas dúas copas, sendo tamén a primeira vez que un equipo de Ames participaba nestas competicións e acadando os cuartos de final na Copa Galicia.

Por outro lado, José Fernando Sáinz García é atleta máster na categoría +75 e no pasado 2024 bateu o récord de España en 5km en ruta na súa categoría ata en dúas ocasións, unha delas na Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. Ademais, tamén rompeu ata en 3 ocasións o récord galego desta distancia (5 km) e en 10km en M75, así coma o de 400 metros lisos de pista ao aire libre. A estes logros súmaselle que conseguiu ser campión galego de 5 km en ruta en Carballo e de 3000 metros lisos no Short Track en Expourense, todo isto en categoría máster +75.

Nesta categoría tamén é finalista Raúl Rodríguez Paulino, deportista da Escola de Karate Dokkodo que se proclamou campión galego cadete por cuarto ano consecutivo, o que lle deu o pase para ser convocado para representar a Galicia no Campionato de España. No 2024 consolidouse como un dos karatekas máis destacados na súa categoría a nivel galego, mais tamén competiu en torneos nacionais e internacionais de alto nivel como a Liga Nacional ou a Youth League.

Promesas masculinas e femininas máis destacadas de Ames

Na categoría de promesa masculina máis destacada de Ames os finalistas son Tiago Vilas Macias, Nicolás Collazo Santamaría e Diego Cacheiro Blanco; mentres que na feminina as finalistas son Olivia Parga García, Male Pellegrino Vignolo e Mara Prieto Mariño.

No caso de Tiago Vilas, xogador de squash de 11 anos, proclamouse campión galego e de España sub11 no 2024. Ademais, gañou a Copa de España sub11 e conseguiu uns resultados moi destacados en categoría sub13, como por exemplo o subcampionato Portugués e o galego, un cuarto posto no Campionato de España e un terceiro posto na Copa de España.

En canto a Nicolás Collazo, é un atleta marchador de 16 anos do club Ames Atletismo e que no 2024 acadou resultados destacados a nivel nacional e galego, como o bronce no Campionato de España sub18 nos 10km marcha en ruta, o campionato galego nos 10km marcha en ruta e nos 5km marcha en pista ou un sexto posto no Campionato de España sub18 nos 5km marcha en pista.

Por último, Diego Cacheiro, tamén de 16 anos, é un xadrecista que no pasado ano acadou o  campionato galego sub18 e tamén o campionato de España sub18 de xadrez rápido. Así mesmo, conseguiu un sexto posto no Campionato de España de Xadrez sub18 e un sétimo posto no Campionato Galego Absoluto.

En canto ás promesas femininas, por unha banda é finalista Olivia Parga, karateka de 14 anos que o ano pasado gañou a Liga Nacional de Karate, ademais de proclamarse campioa no Grand Winner de España, unha competición onte participaron as oito mellores karatekas de España na súa categoría (xuvenil <37kg). Por outra banda, Parga tamén acadou a medalla de ouro no Campionato Galego Infantil e o bronce no Campionato Infantil de Karate a nivel nacional.

Outra das finalistas nesta categoría é Male Pellegrino, de 18 anos, xogadora  e segunda adestradora no F.C. Meigas e que está a disputar a súa segunda tempada no club amesán. É a capitá máis nova dun equipo da 2º División Nacional de Fútbol Sala e nesta temporada tivo un papel moi destacado no seu club tras recuperarse de tres operacións no ligamento cruzado. Así mesmo, a amesá foi convocada pola Selección Galega no Campionato de España de fútbol sala sub19, acadando as semifinais da competición.

Por último, tamén é finalista Mara Prieto, xogadora de squash que, con 12 anos, conseguiu resultados destacados neste deporte en diversas categorías a nivel galego,  nacional e internacional: segunda clasificada no Campionato Galego sub15 e terceira en sub17, terceiro posto no Campionato de España en categoría sub13 e sexta en sub15 ou  un terceiro posto no Portuguese Junior Open de Porto (proba do circuíto júnior europeo).

Deportistas masculinas e femininas máis destacados en Ames

Na categoría masculina de deportistas máis destacados os finalistas son Pablo Fernández Montenegro, Guillermo Carracedo Robelo e Hugo Novoa Ramos. En canto á categoría feminina, as finalistas son Verónica Fernández Pérez e Blanca Millán Modía.

En canto á categoría masculina, Pablo Fernández é xogador de baloncesto, actualmente militante no Palencia Baloncesto, equipo da LEB Ouro. A temporada 2023-24 xogou no Club Basquet Coruña, equipo tamén da LEB Ouro e que acadou o ascenso á Liga ACB, máxima categoría do baloncesto español.

Pola súa banda, Guillermo Carracedo é deportista de padle surf e o ano pasado, ademais de proclamarse campión de España e galego neste deporte, conseguiu ser o quinto clasificado no Campionato do mundo individual ISA e subcampión do mundo coa Selección Española no mundial ISA.

Por último, Hugo Novoa é un futbolista de 22 anos que na actualidade xoga no Deportivo Alavés, equipo da Primeira División de España. Ata o momento disputou 5 partidos de liga co seu equipo. Na temporada pasada, formou parte do filial do Villarreal C.F.

En canto ás deportistas femininas máis destacadas, Verónica Fernández é unha boxeadora de Elite Amateur nas categorías de 75 a 81 kg. O ano pasado proclamouse campioa de España Elite Feminina e acadou o subcampionato no Campionato Galego deste deporte. Ademais, tamén gañou o Open Vila de Marín.

Por outra parte, Blanca Millán é xogadora de baloncesto, actualmente no Baxi Ferrol da Liga Feminina de baloncesto (LF ENDESA), máxima categoría do baloncesto feminino español. A xogadora amesá está a ter un papel destacado nesta temporada dentro do conxunto ferrolán que, ademais, este ano logrou alcanzar a final da Copa Europea Feminina da FIBA.

Club máis destacado de Ames

Na categoría de club máis destacado de Ames os finalistas son o Club Patinaxe Sarela, o F.C. Meigas e a Escola de Karate Dokkodo.

Recoñecementos especiais

Ademais dos premios mencionados con anterioridade, na gala tamén realizará un recoñecemento especial a Jorge Pérez Fernández, ciclista de Os Esfola Arrós e colaborador habitual na organización de varios eventos deportivos do Concello de Ames coma a carreira ciclista Transgalaica ou a Carreira Pedestre Popular.

Así mesmo, tamén se recoñecerá o labor do Real Aero Club de Santiago, entidade colaboradora co concello desde hai case 10 anos na organización de probas coma o Trail e  Andaina Ribeiras do Tambre ou no Día do Deporte, así como no uso das súas instalacións para eventos deportivos do concello.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *