Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ames, 9 de outubro de 2024.- O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación do XIX Festival Internacional de Maxia de Ames, que se desenvolverá os días 25, 26 e 27 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Este festival organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña, conta cun programa repleto de espectáculos e obradoiros dirixidos a todos os públicos. Este ano como novidade inclúese na programación unha sesión de maxia para maiores e outra para bebés, e un photocall máxico. Ademais, haberá unha gala máxica infantil, obradoiros de maxia e maila gala máxica internacional. As entradas e convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Este evento conta coa colaboración da rede cultural da Deputación da Coruña.
Esta mañá tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a presentación dunha das actividades que máis éxito teñen entre a veciñanza amesá. Trátase do XIX Festival internacional de Maxia de Ames “FestiMax”, que se desenvolverá os días 25, 26 e 27 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A presentación correu a cargo do concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García; do mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo; e da técnica do departamento de Cultura, María Vázquez. Preme nesta ligazón para descargar o programa do festival de maxia.
A encargada de abrir o acto foi a técnica de Cultura, María Vázquez, que destacou que “con esta décimo novena edición o festival xa superou a maioría de idade”. Tamén falou da programación “que este ano medra en calidade e variedade, con maxia de proximidade, maxia para bebés e maiores, e cun photocall no que todo o mundo poderase sentir mago por un rato”. Rematou a súa intervención convidando a toda a veciñanza amesá e de concellos da contorna a asistir e desfrutar de tres xornadas chea de ilusión.
Pola súa banda o mago, produtor e director do Festimax, Dani Polo, sinalou que “este ano o festival mantén a súa esencia de sempre con novidades para todos, para así poder levar a maxia e a ilusión a todas as idades”. Así mesmo, destacou que “o cartel está integrado por artistas nacionais e internacionais de moito talento, con carreiras moi exitosas, que farán que Ames se converta na capital mundial da maxia durante esa fin de semana”.
Pechou o acto o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, quen quixo poñer en valor a lonxevidade do Festimax: “O feito de hoxe esteamos presentando a décimo novena edición dá conta do éxito desta iniciativa, pola que todos os anos preguntan os veciños antes sequera de que se coñezan as datas ou o cartel”. Rematou a súa intervención facendo un guiño á vindeira edición, que será a vixésima, e que, segundo García, “debe ser de matrícula, porque non é habitual que estas iniciativas se prolonguen tanto no tempo”.
Maxia para todos os públicos
A programación do FestiMax está composto por catro grandes espectáculos que se van a realizar os días 25, 26 e 27 de outubro. As actividades comezan o venres 25 de outubro cunha das principais novidades desta edición. O mago galego Dani Polo, gañador de múltiples premios e presente nos principais festivais máxicos de Europa, levará a ilusión aos maiores do concello en dúas sesións: a primeira será no local dos maiores de Bertamiráns, ás 11:00 horas; mentres que a segunda será no local da asociación JUPEMI no Milladoiro, ás 17:30 horas.
Outra das novidades deste ano é o espectáculo de maxia para bebés, no que o Mago Paco presentará a súa proposta “Patapún”. Así, este especialista en maxia infantil propón un espectáculo divertido e visual para os máis cativos. Haberá dúas sesións na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 25, unha ás 17:00 horas e outra ás 18:15 horas. Esta actividade está dirixida a crianzas entre 1 e 4 anos, e poderán acudir un máximo de dous adultos por neno/a. A entrada para ver este espectáculo é de balde, pero haberá que adquirir o correspondente convite na Billeteira electrónica.
Tamén o venres, 25 de outubro, a partir das 18:00 horas, na praza de Chavián haberá varios pases de “maxia de proximidade” para grupos reducidos a cargo da maga arxentina Lore Lavand na súa caravana máxica. Os pases serán cada media hora, entre as 18:00 e as 20:30 horas. Só haberá 20 persoas por pase, e o acceso será por orde de chegada.
Obradoiros de maxia
Outra das actividades que se realizan este ano serán os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Así, o sábado 26 de outubro, o mago Paco impartirá un taller de maxia na Casa da Cultura do Milladoiro. Formaranse dous grupos de 12 participantes cada un. A primeira sesión farase ás 11:00h e a segunda a continuación, ás 12:00 horas.
O domingo 27 este mesmo obradoiro impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Tamén será impartido polo mago Paco en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:00 horas, e formaranse dous grupos con 12 nenos/as en cada un.
Para participar é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal. En dito correo hai que poñer o nome, apelidos da persoa que quere participar no obradoiro de maxia e un número de teléfono de contacto.
Gala máxica internacional
A Gala máxica internacional farase tamén o sábado 26 e mailo domingo 27 de outubro. Como nos últimos anos haberá catro pases debido á gran demanda que ten este espectáculo entre a veciñanza amesá. A Gala estará presentada polo mago Migue e participarán os magos Nacho Samena (Galicia), Ramó & Alegría (Cataluña), Bruno Tarnecci (Perú) e Néstor Hato (Francia).
Así, o sábado 26 realizarase o espectáculo Experiencia Máxica na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que o domingo 27 de outubro desenvolverase o espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ambos días a primeira función será ás 17:00h e a segunda ás 19:30 horas.
A venda de entradas e convites farase a través da Billeteira electrónica. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 / 662 377 444 ou escribir un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)