AD

Actualidad

“Ames en festas 2025” encadeará dez días seguidos de música e troula no Milladoiro e Bertamiráns

today16 julio, 2025

Fondo
share close
AD
    • Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, volven a celebrar un ano máis as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación que encadea 10 días seguidos de troula dende o venres 1 ata o domingo 10 de agosto
    • Haberá propostas musicais para todos os públicos e gustos, nos que actuarán as mellores orquestras da verbena galega pero tamén haberá oco para os artistas e grupos emerxentes ou o pop e rock, entre outros xéneros musicais, en galego, coma co concerto de Mondra o venres 8 no parque do Ameneiral
    • O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, explicou que «coa creación do Ames en Festas buscábamos romper esa barreira entre Milladoiro e Bertamiráns e unir ambas localidades a través da cultura e da festa. Creo que é algo que está dando resultado, coa comunicación constante entre ambas comisións e cun cartel conxunto que se vai consolidando ano tras ano»

Ames, 16 de xullo de 2025.- Por cuarto ano consecutivo o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e Xuventude Ames, colaboran para organizar 10 días de festexos no cartel “Ames en Festas 2025”, que encadea as festas da Madalena do Milladoiro, do venres 1 ao martes 5, e as festas da Peregrina de Bertamiráns, do mércores 6 ao domingo 10 de agosto. Estarán presentes en Ames as mellores orquestras de Galicia: Panorama, Olympus, Os Satélites, América de Vigo, Cinema, Assia, Metrópolis, Charleston e Compostela. En tódalas xornadas de verbena contarase con djs, coma Kike Varela ou Sergio Telmo, e disco móbiles. Ademais, o parque do Ameneiral contará con varias actuacións musicais: Mondra, a celebración do Festival Emerxente e o Ameneiral Romaría Urbana. Así mesmo, continuando coa estela do ano pasado, volverá a haber dous pregóns, un no inicio das festas do Milladoiro, o sábado 2 de agosto, e outro no peche das festas de Bertamiráns o domingo día 10.

Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, volven a celebrar un ano máis as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación que encadea 10 días seguidos de troula dende o venres 1 ata o domingo 10 de agosto. “Ames en Festas” é o nome deste cartel, no que este ano colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e Xuventude Ames.

Deste xeito, ao longo destas 10 xornadas festivas, haberá propostas musicais para todos os públicos e gustos, nos que actuarán as mellores orquestras da verbena galega pero tamén haberá oco para os artistas e grupos emerxentes ou o pop e rock, entre outros xéneros musicais, en galego.

O programa foi presentado esta mañá no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, no que participaron o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; así como Benjamín Seoane, en representación da comisión de festas de Bertamiráns; José Luís Vázquez e Rubén Maceiras, en representación da asociación de festas do Milladoiro.

Abriu a presentación Rubén Maceiras, en representación da asociación de festas do Milladoiro, que subliñou “a ampla variedade de propostas para todos os públicos”. Así mesmo, quixo destacar “o apoio e unha boa resposta á celebración das festas por parte dos veciños, a hostalaría e comercios da zona”.

Pola súa banda, Benjamín Seoane, en representación da comisión de festas de Bertamiráns, explicou o programa da Romaría Urbana que se levará a cabo no Ameneiral, “comezaremos xa ao mediodía cunha sesión vermú. Este ano contamos cunha banda que veñen da Coruña e acaban de comezar como é Arde. Despois teremos a Tabernarias, poñendo en valor os cantos da taberna; a Luis Fercán, que desta volta estará coa súa banda; a Monoulious Dop, que xa é un grupo clásico da contorna; e a Biribirlocke”.

A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, destacou que “o programa inclúe propostas para todos os públicos, con concertos de artistas consolidados coma o de Mondra, pero tamén con actuacións das agrupacións de Ames, as bandas de música e as orquestras, que non poden faltar nunha verbena galega”.

Pechando a presentación, o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, explicou que «coa creación do Ames en Festas buscábamos romper esa barreira entre Milladoiro e Bertamiráns e unir ambas localidades a través da cultura e da festa. Creo que é algo que está dando resultado, coa comunicación constante entre ambas comisións e cun cartel conxunto que se vai consolidando ano tras ano».

Ademais, Blas García, tamén puxo en valor a creación do Festival Emerxente, “é a primeira vez que lle imos dar un espazo onde poidan amosar e presentar os seus traballos aos artistas emerxentes do noso concello e da contorna. Normalmente adoitan darse a coñecer e difundir os seus traballos a través das redes sociais pero non contan cunha plataforma onde poder actuar con público”.

Festas da Madalena no Milladoiro

Durante a primeira semana de agosto, O Milladoiro celebrará as festas da Madalena, que comezarán o venres 1 co festival Millarock, que contará coas actuación de A Casa do Rock, Battosai, Ulex e Rure Ruexe.

O sábado 2 de agosto contarase coa actuación da Asociación Cultural Retranqueiros, Tiralle do Aire, a orquestra Os Satélites e a disco móbil Impacto. Para o domingo 3 de agosto está prevista a actuación da banda de música de Padrón, Os Castros, a charanga Os Atrevidos, a orquestra Assia e a disco móbil Chocolate. O luns 4 contarase coas actuacións de Airiños do Paseo de Colón, Os Celtas, e xa pola noite, da orquestra América de Vigo e maila discoteca móbil CDC. As festas da Madalena pecharanse finalmente o martes 5 de agosto coa actuación da orquestra Olympus, o DJ compostelán Kike Varela e a disco móbil CDC da man de Marcos Magán.

Festas da Peregrina en Bertamiráns

Pola súa banda, Bertamiráns dará comezo ás festas da Peregrina o mércores 6 coa charanga Compostela, a orquestra Cinema e o DJ Sergio Telmo. O xoves 7 será un dos días máis destacados, coas actuacións da orquestra Panorama e a disco móbil CDC. Nesta xornada será tamén quenda da charanga BB+.

De seguido, o venres 8 de agosto, chegará outro dos pratos fortes das festas, co concerto de Mondra no parque do Ameneiral. O teense é un dos artistas máis destacados da escena musical en galego na actualidade e está a presentar o seu último traballo “De Ronda”. Ademais, nesa xornada contarase coas actuacións da charanga Os Celtas, a orquestra Charleston Big Band e a disco móbil nova CDC visual.

Para o sábado 9 está prevista a actuación da Requinta da Amaía e a Coral Lojo Batalla xunto coa orquestra Metrópolis e a discoteca móbil CDC. As festas rematarán o día 10 coas actuacións de Airiños do Paseo de Colón, da Banda de música de Calo e, pechando os dez días de troula, a orquestra Compostela.

Festival Emerxente

A principal novidade do Ames en Festas deste ano é celebración no parque do Ameneiral da primeira edición do Festival Emerxente, unha iniciativa que ten como obxectivo ofrecer aos artistas mozos e emerxentes do concello, e da súa contorna, unha plataforma onde poder presentar os seus traballos en directo. A cita será o xoves 7 de agosto pola tarde e contará coas actuacións de Helena Pazos, Mr. T, Lepayitss e Komojo.

Romaría urbana

Ademais, como parte das festas da Peregrina, celebrarase a unha nova edición da Romaría Urbana, que terá lugar no parque do Ameneiral o sábado 9 de agosto. Comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú. Ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais a cargo de Tabernarias, Arde, Luis Fercán, Monoulious Dop e Biribirlocke.

Ao longo de toda a xornada haberá diferentes postos para poder xantar, obradoiros, inchables para os máis pequenos e moita música en directo. A través desta iniciativa, trátase de levar a festa ao centro de Bertamiráns para que a veciñanza poida gozar desta romaría e motivando así ao consumo nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *