AD

Comarca

Ames estrea o mercado de horta e artesanía na Praza da Maía desde setembro

today31 julio, 2025

Fondo
share close
AD
  • O Concello de Ames estreará, a partir do vindeiro mes de setembro, o seu propio mercado de horta e artesanía, unha iniciativa que se enmarca dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames e que pretende dinamizar a economía e produción local no concello
  • O mercado contará con 13 postos de venda e estará localizado na Praza da Maía, en Bertamiráns, tódolos sábados en horario de 10.00 a 13.00
  • A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que “neste momento ábrese un prazo inicial de 15 días xa que queremos comezar en setembro con este novo mercado de produtos de proximidade e de artesanía co que pretendemos dinamizar e potenciar a economía do sector primario de Ames. Con todo, o prazo de solicitudes estará aberto durante todo o ano por se nalgún momento houbera postos libres de venda, estes poidan ser cubertos”

Ames, 30 de xullo de 2025.- Ames contará co seu propio mercado de horta e artesanía todos os sábados pola mañá, a partir do mes de setembro. Esta iniciativa, enmarcada dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames, pretende fomentar o consumo de produtos de proximidade, dinamizando a economía e produción local. O mercado estará localizado na Praza da Maía, en Bertamiráns, en horario de 10.00 a 13.00 horas e contará con 13 postos de venda. O prazo para solicitar un espazo neste novo mercado estará aberto desde mañá, 31 de xullo, ata o vindeiro 21 de agosto. As solicitudes poden presentarse a través da Sede electrónica ou de forma presencial nas oficinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Mañá ás 12.00 horas, no Salón de Plenos do Concello, haberá unha presentación informativa sobre o funcionamento do mercado.

O Concello de Ames estreará, a partir do vindeiro mes de setembro, o seu propio mercado de horta e artesanía, unha iniciativa que se enmarca dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames e que pretende dinamizar a economía e produción local no concello. Ademais, tamén se busca potenciar e reforzar o sector primario dentro da economía amesá, promocionando o consumo de produtos de proximidade.

Coa posta en marcha deste novo mercado, créase un espazo de compra-venda de alimentos frescos, labregos e transformados, e de produtos de oficios artesáns de produtores locais e das comarcas limítrofes. Ademais, un dos obxectivos da creación desta proposta, é sensibilizar á poboación da importancia que ten unha boa alimentación na nosa saúde, baseada no consumo de produtos de calidade e de orixe natural. Deste xeito, tamén se pretende que o mercado sexa un lugar de encontro e reunión entre a veciñanza de Ames, converténdoo así nun centro de vida social e económica.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que “neste momento ábrese un prazo inicial de 15 días xa que queremos comezar en setembro con este novo mercado de produtos de proximidade e de artesanía co que pretendemos dinamizar e potenciar a economía do sector primario de Ames. Con todo, o prazo de solicitudes estará aberto durante todo o ano por se nalgún momento houbera postos libres de venda, estes poidan ser cubertos”.

Características do mercado

O mercado de produtos labregos e artesanía constará de 13 postos de venda, situados nunha carpa na Praza da Maía. As dimensións dos postos será de 3x3m con mesa e cadeira. O mercado abrirá todos os sábados pola mañá en horario de 10.00 a 13.30 horas.

Así mesmo, poderán venderse artigos de artesanía, e produtos de horta de proximidade nos que a súa venda en réxime ambulante estea autorizada pola normativa estatal ou autonómica aplicable, cando se cumpran as condicións sanitarias e hixiénicas que establece a lexislación sectorial sobre a materia para cada tipo de produto. En concreto, non poderán vender produtos destinados ao consumo humano as persoas quen carezan do certificado de manipulación de alimentos.

Solicitude de participación

Poderán exercer a actividade comercial todos os comerciantes e produtores agrícolas que posúan a correspondente autorización municipal. O prazo para presentar as solicitudes dun espazo de venda no mercado está aberto 15 días hábiles a contar dende o día seguinte da publicación do anuncio no BOP, polo que o prazo estará aberto desde mañá, día 31 de xullo, ata o vindeiro 21 de agosto.

Cómpre destacar que o prazo de solicitudes estará aberto durante todo o ano por se, no caso de existencia dun posto libre, este poida ser cuberto por outro comerciante interesado.

A solicitude pode facerse enviando cuberto o impreso de solicitude a través da Sede electrónica do Concello de Ames, de forma presencial nas oficinais municipais de Bertamiráns e do Milladoiro ou a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP. No caso de que a autorización sexa destinada á venda de produtos alimentarios, deberá achegarse unha fotocopia do certificado de manipulador de alimentos.

Mercado de rúa os sábados pola tarde

A pesar da creación deste novo mercado, dedicado exclusivamente á artesanía e produtos agroalimentarios, Bertamiráns seguirá mantendo o seu mercado de rúa os sábados pola tarde nas mesmas rúas que se vén facendo habitualmente: Entrerríos, Ameneiral e no perímetro habilitado na Praza do Concello. Así mesmo, o horario continuará sen cambios, sendo en verán de 16.40 a 20.30 horas e no inverno de 16.40 a 19.30 horas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *