AD

Comarca

Ames pon en marcha un Mercado de Nadal para os días 20, 21 e 22 de decembro

today9 diciembre, 2024

Fondo
share close
AD
  • O prazo de inscrición para os comerciantes interesados en participar está aberto dende hoxe luns 9 ata o vindeiro xoves 12 de decembro
  • Os solicitantes deberán de enviar á Sede Electrónica do Concello de Ames o modelo de solicitude cuberto xunto coa documentación pertinente
  • O Mercado de Nadal contará cun total de 16 postos localizados na Praza da Maía de Bertamiráns, 12 estarán destinados á artesanía e 4 para alimentación e produtos da horta

Ames, 9 de novembro de 2024.- A programación de Nadal en Ames este ano contará coa novidade da celebración dun Mercado de Nadal na Praza da Maía para os vindeiros días 20, 21 e 22 de decembro. O prazo de inscrición para os artesáns e produtores locais interesados en participar está aberto dende hoxe, luns 9, ata o xoves 12 de decembro. Os solicitantes deberán de enviar á sede electrónica do Concello de Ames o modelo de solicitude cuberto xunto coa documentación necesaria enmarcada dentro das bases do mercado. En total haberá 16 postos; 12 de artesanía e 4 postos centrais para alimentos e produtos da horta.

O Concello de Ames vén de anunciar a súa programación de Nadal, que este ano contará coa celebración dun Mercado de Nadal por primeira vez. O mercado estará localizado na Praza da Maía, en Bertamiráns, os días 20, 21 e 22 de decembro e contará con 16 postos de alimentación e artesanía. Deste xeito, búscase crear espazos para a promoción e valorización dos artesáns locais xunto co produto fresco e de proximidade. Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima a artesáns e produtores locais a apuntarse a este mercado que pretende poñer en valor a materia prima local.

Os mercado estará instalado dentro dunha carpa e contará cun total de 16 postos distribuídos por toda a superficie. As 12 localizacións destinadas á artesanía estarán situadas nos laterais do mercado, mentres que os 4 postos de alimentación e produtos da horta estarán localizados na parte central do mercado. Así como se recolle no anexo de identificación dos postos na carpa do Mercado de Nadal.

Así mesmo, o horario do mercado concorrerá o venres 20 pola tarde dende as 17.00 ata as 20.30 horas, o sábado 21 en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas e pola tarde de 17.00 a 20.30 horas e rematará o domingo en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. Destacar que o mercado contará cun dispositivo de vixilancia de seguridade nas horas de peche, polo que os propios expositores poderán decidir se deixar a mercancía nos postos ou non.

Inscrición e pagamento de taxas

Poderán participar no mercado as persoas comerciantes, artesás e produtoras con capacidade para producir, exhibir, elaborar e vender produtos. Xunto co modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán enviar á Sede Electrónica do Concello de Ames unha copia do DNI ou CIF, copia da última cota pagada en réxime de autónomos (ou do réxime que corresponda) ou compromiso asinado con que estarán de alta no momento de participación do mercado, certificado das epígrafes da IAE, rexistro sanitario e certificacións das autorizacións pertinentes de elaboración e manipulación de alimentos, seguro de responsabilidade civil e copia da carta de Artesanía de Galicia.

Ás persoas solicitantes que finalmente se lles adxudicara un dos postos ofertados no Mercado de Nadal comunicaráselles ao correo electrónico especificado na solicitude de participación. Os comerciantes terán que aboar, no prazo de dous días naturais desde a recepción da notificación de concesión do posto, a taxa correspondente á Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso público do Concello de Ames.

Para facer efectivo o pagamento, os feirantes deberán de poñerse en contacto co servizo de recadación do concello de Ames no teléfono 981 884 896 e a través do correo ames@canaltributos.com. No mesmo prazo de dous días naturais para facer efectivo o pagamento da taxa, remitirán o xustificante do dito pagamento ao correo electrónico: promocioneconomica@concellodeames.gal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *